A evolución da pandemia da covid-19 é imparable en Ponte Caldelas, ao igual que no resto da área sanitaria, e levou ao Concello a adoptar decisións para intentar freala. En concreto, decidiron suspender a Festa de Fin de Ano e o Festival Kilo Solidario dos Coribantes de Buchabade.
A Festa de Fin de Ano estaba programada, polo tanto, para a madrugada do 31 de decembro ao 1 de xaneiro e o outro evento era anterior, estaba previsto para o sábado 18 de decembro.
O Concello de Ponte Caldelas ten neste momento 45 casos activos de covid-19, máis do dobre que hai unha semana.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, explicou que estes números son os que levaron a tomar a decisión de suspender as actividades que poidan supoñer aglomeración.
"É unha decisión difícil, agora ben, a saúde é a prioridade máxima", sinalou Andrés Diaz. O rexedor insiste en que a situación sanitaria "non é tan grave coma antes", pero tomaron esta decisión porque "debemos contribuír a evitar os contaxios e frear a presión hospitalaria, que non deixa de medrar".
Ademais, o Concello retoma o servizo de entrega a domicilio de medicamentos, alimentos, partes de baixa ou deberes do colexio pensado para as persoas con covid-19 ou en corentena preventiva. Para solicitar a entrega a domicilio só teñen que chamar ó Concello (986750013 extensión 2) ou a contactar a través das redes sociais.