Os casos activos por covid-19 triplicáronse na área sanitaria de Pontevedra desde o Nadal

Pontevedra
02 de febreiro 2021

A pesar de que nas últimas 24 horas deuse de alta a 117 pacientes, o nivel de contaxios non decrece e os 154 novos infectados que se detectaron, 130 mediante probas PCR, impiden que poida baixar a incidencia desta terceira onda da pandemia

Xente con máscaras por Pontevedra
Xente con máscaras por Pontevedra / Cristina Saiz

Desde que terminou o Nadal, o pasado 7 de xaneiro, os casos activos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés triplicáronse. Dos 735 que había entón, o Servizo Galego de Saúde rexistra agora ata 2.504. Son 34 máis que onte.

A pesar de que nas últimas 24 horas deuse de alta a 117 pacientes, o nivel de contaxios non decrece e os 154 novos infectados que se detectaron, 130 mediante probas PCR, impiden que poida baixar a incidencia desta terceira onda da pandemia.

Con respecto ás hospitalizacións, a área sanitaria rexistra datos moi similares aos da xornada anterior. Hai, en total, 160 ingresados por covid-19 (dúas menos).

A maior parte dos hospitalizados (130) están nas unidades de hospitalización para enfermos de covid-19. Hai 102 infectados atendidos en Montecelo. Outros once están no Hospital do Salnés e hai dezasete no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Os pacientes máis graves, que están ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo, son 30 nestes momentos, segundo os datos achegados polo Sergas. É un menos dos que estaban a ser atendidos onte.

O resto dos que contraeron o virus, outras 2.343 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 7.951 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 117 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 115 falecementos asociados ao virus. Os tres últimos, dous homes de 68 e 81 anos e unha muller de 88 anos que morreron en Montecelo.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 143.207, 880 nas últimas horas. Delas, 130 deron positivo (14,77%). A estas probas súmanse as 54.919 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 22.522, 102 máis que o día anterior. Deles 5.883 son da área da Coruña, 2.135 da de Lugo, 2.874 da de Ourense, 2.503 da de Pontevedra, 3.861 da área de Vigo, 3.442 da de Santiago e 1.824 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 253 están en UCI, 1.186 en unidades de hospitalización e 20.968 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 74.752 persoas curadas, rexistrándose 1.815 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.434.487 probas PCR, 11.080 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 791 novos infectados.