Os casos activos por covid-19 sitúanse en 289, tras rexistrarse 28 novos contaxios

Pontevedra
09 de abril 2021

Ata 28 novos contaxios rexistráronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas últimas 24 horas, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde. Con eles, os casos activos por covid-19 sitúanse nun total de 289, seis máis que onte

Xente paseando con máscaras en Pontevedra
Xente paseando con máscaras en Pontevedra / Cristina Saiz

Ata 28 novos contaxios rexistráronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas últimas 24 horas, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde. Con eles, os casos activos por covid-19 sitúanse nun total de 289, seis máis que onte.

Os pacientes hospitalizados, pola súa banda, son 22 entre os tres centros hospitalarios da área pontevedresa. É un menos dos que estaban ingresados este xoves.

A maior parte dos ingresados (17) están en sendo atendidos en Montecelo. Tres máis están no Hospital do Salnés e non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Pola súa banda, hai dous pacientes ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. É un máis do que rexistraba o último balance de Sanidade.

O resto dos que contraeron o virus, outras 267 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 12.519 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 22 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 168 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 188.265, 953 nas últimas horas. Delas, 22 deron positivo (2,30%). A estas probas súmanse as 98.769 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.193, oito máis que o día anterior. Deles 598 son da área da Coruña, 148 da de Lugo, 149 da de Ourense, 289 da de Pontevedra, 603 da área de Vigo, 331 da de Santiago e 75 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 26 están en UCI, 141 en unidades de hospitalización e 2.026 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 113.688 persoas curadas, rexistrándose 2.367 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.898.328 probas PCR, 6.900 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 122 novos infectados.