Os casos activos por covid-19 crecen a 481 e os hospitalizados soben a 24

Pontevedra
25 de abril 2021

Ata os 481 casos activos, doce máis que onte, creceu a incidencia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo recolle o balance diario do Servizo Galego de Saúde. Os novos contaxios foron 35 e tamén aumentan os hospitalizados

Test rápido de cribado da covid-19
Test rápido de cribado da covid-19 / Mónica Patxot

Ata os 481 casos activos, doce máis que onte, creceu a incidencia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo recolle o balance diario do Servizo Galego de Saúde. Os novos contaxios foron 35 e tamén aumentan os hospitalizados.

Os pacientes ingresados nos tres centros hospitalarios da área pontevedresa pasaron a ser 24, tres máis dos que había este sábado.

A maior parte destes pacientes (12) están en sendo atendidos en Montecelo. Sete máis están no Hospital do Salnés e non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Pola súa banda, hai cinco pacientes ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. Son os mesmos que rexistraba o último balance de Sanidade.

O resto dos que contraeron o virus, outras 457 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 12.799 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 23 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 171 falecementos asociados ao virus. 

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 205.934, 1.009 nas últimas horas. Delas, 36 deron positivo (3,56%). A estas probas súmanse as 105.298 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.016, 39 máis que o día anterior. Deles 738 son da área da Coruña, 206 da de Lugo, 255 da de Ourense, 481 da de Pontevedra, 874 da área de Vigo, 343 da de Santiago e 119 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 158 en unidades de hospitalización e 2.812 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 115.851 persoas curadas, rexistrándose 2.382 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.009.102 probas PCR, 9.022 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 191 novos infectados.