A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistra este xoves 3 de febreiro 12 casos activos máis de coronavirus que o mércores, rompendo a tendencia á baixa nas cifras de xornadas anteriores.
Así o reflicte o balance oficial ofrecido polo Servizo Galego de Saúde, situando á área pontevedresa con 6.576 casos activos. A subida é aínda maior en Galicia cun incremento de 1.439 ata as 61.716 infeccións activas.
No que respecta a Pontevedra e O Salnés o que baixa son por segunda xornada consecutiva as hospitalizacións, con 74 persoas positivas en coronavirus ingresadas en hospitais da comarca (5 menos), das que 5 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e o resto fano en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (52), o Hospital do Salnés (12) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (2).
Na última xornada sumáronse ás estatísticas 572 novos contaxios, contrarrestados por 560 altas epidemiolóxicas que fan que sexan xa 44.117 as persoas que superaron a covid na área pontevedresa.
Pola súa banda son 245 os falecementos de pacientes con positivo activo, os últimos unha muller de 87 anos e un home de 85 que se atopaban no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e cuxa morte foi notificada a última hora do mércores.