Os casos activos de covid baixan da barreira dos dous milleiros e redúcense a 31 os hospitalizados

Pontevedra
11 de agosto 2021

Por primeira vez desde o 18 de xullo a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés baixa dos dous milleiros de afectados pola covid, con 1.907 casos activos, segundo informa o Servizo Galego de Saúde

Caseta para probas de detección de covid no Hospital Provincial de Pontevedra
Caseta para probas de detección de covid no Hospital Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

Por primeira vez desde o 18 de xullo a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés baixa dos dous milleiros de afectados pola covid, con 1.907 casos activos este mércores 11 de agosto. Esta cifra supón un descenso de 112 con respecto ao martes, segundo informa o Servizo Galego de Saúde.

Na última xornada sumáronse ás estatísticas 49 novos contaxios e 171 altas epidemiolóxicas.

Entre os afectados 1.876 casos evolucionan nos seus domicilios, mentres que 31 persoas permanecen ingresadas nos hospitais da área sanitaria, cinco menos que o día anterior. Deles 6 pacientes positivos por coronavirus evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e 25 máis o fan en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (24) e o Hospital do Salnés (1).

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 18.156 persoas na comarca, rexistrándose 191 falecementos de pacientes con positivo activo.

Nas últimas 24 horas, o Sergas informa da realización de 286 probas PCR.

DATOS DE GALICIA

Segundo informa a Dirección Xeral de  Saúde Pública o número de casos activos de coronavirus en Galicia sitúase nos 16.106 (-365), dos que 4.579 (-20) son da área da Coruña, 1.758 (-76) de Lugo, 1.176 (-58) de Ourense, 1.907 (-112) de Pontevedra, 3.967 (-59) da área de Vigo, 1.710 (-43) de Santiago e 1.009 (+13) da de Ferrol.

Do total positivos, 53 evolucionan na UCI (-1), 275 en unidades de hospitalización (-16) e 15.778 no seu domicilio.

En Galicia rexistráronse 2.499 falecementos de persoas con positivo activo por coronavirus (+5).