O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xa ten en axenda senllas reunións cos presidentes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, Alfonso Rueda e Luís López, respectivamente, para abordar con eles diversos compromisos.
A do presidente provincial desvelouna o propio Luís López, que espera manter este encontro institucional durante a próxima semana.
Entre os temas que Luís López espera que se traten nesta reunión atópase o nivel de colaboración entre o Concello e a Deputación para recuperar o Convento de Santa Clara como espazo museístico e o traslado do parque de maquinaria da Deputación para recuperar a Xunqueira de Alba.
"Os nosos equipos avaliarán os asuntos a tratar", explicou en relación a este encontro que o presidente da Deputación considera normal dentro do "goberno de cooperación que respecta as relacións institucionais".
Sinalou que "por riba das cores e perspectivas ideolóxicas, a Deputación e o Concello estamos unidos por un fío común: os pontevedreses" para engadir que "damos un bo exemplo que debería ser normal e será normal noutros puntos da provincia".
Luís López explicou que outros alcaldes tamén solicitaron xa reunións do mesmo xeito que entidades e asociacións que queren expoñer as necesidades á Deputación de Pontevedra.
Fernández Lores, que tamén enmarcou estes contactos na relación de "colaboración e lealdade" entre administracións, avanzou que o Concello pedirá "efectivizar" os convenios previstos e pedirá manter os acordos que había co goberno anterior.
"Aspiramos a seguir mantendo a relación de convenios que tiñamos", sostivo o alcalde pontevedrés, que quere abordar especialmente a situación do Museo e a reforma de Santa Clara.
A REUNIÓN CON RUEDA, O 23 DE OUTUBRO
O rexedor pontevedrés avanzou ademais que a reunión co presidente da Xunta, dentro da rolda de contactos cos alcaldes electos nas municipais de maio, celebrarase o próximo 23 de outubro pola tarde na delegación da Xunta en Campolongo.
Lores asegurou que desde o Concello se lle remitirá ao presidente galego un dossier previo "para que saiba do que imos a falar". Avanzou que, en todo caso, desde o Concello "plantearemos cousas de interese municipal".