Os cans superan en número os nenos e tamén van á escola

Pontevedra
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Para coñecer os motivos que levan aos pontevedreses a convivir cun can, asistimos á sesión de educación canina que se leva a cabo todos os mércores en Pontevedra no barrio de Valdecorvos guiada por Diego Álvarez

Irene Veiga, Diego Álvarez, Martin Fernández e Francisco García durante a clase de educación canina
Irene Veiga, Diego Álvarez, Martin Fernández e Francisco García durante a clase de educación canina / Mónica Patxot

Nos últimos días, dábanse a coñecer os datos do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC), que indicaban que na cidade de Pontevedra hai 17.926 cans identificados con microchip. Se o comparamos co número de habitantes, as cifras reflicten 22 cans por cada cen pontevedreses. 

O máis asombroso destes datos chega ao poñer na balanza o número de nenos na cidade: 10.700 menores de 14 anos fronte aos mencionados 17.926 cans. Diego Álvarez, educador canino á fronte da empresa Kesar´s Educación e Actividades Caninas Amables e experto do programa Podcans de PontevedraViva Radio, resalta que "é moi probable" que a cifra real de cans chegue a dobrar á dos nenos, xa que neste censo do REGIAC só se contemplan os cans con microchip, cando a realidade indica que moitos cadelos seguen sen estar rexistrados.

Á vista destes datos, están os pontevedreses elixindo fillos ou cans? Álvarez explica que si lle constan casos de persoas que, ante a falta de facilidades do mercado laboral para conciliar, optaron por ter un can no canto dun fillo. "Un can non necesita tanto tempo de atención como un neno, pero si que é certo que a nivel global si. É dicir, un neno acábase facendo independente pero un can non. Aínda é máis, cando son cachorros son máis dependentes, cando son adultos non tanto e, cando volven a ser velliños volven ser moi dependentes", afirma Álvarez. 

Para coñecer os motivos que levan aos pontevedreses a convivir cun can, asistimos con Diego a unha clase moi especial. Trátase dunha sesión de educación canina que se leva a cabo todos os mércores ás 20:00 en Pontevedra no barrio de Valdecorvos, na zona verde que discorre xunto á rúa Prado Novo, á altura da rotonda que comunica este vial coa avenida de Lugo.

Esta vez, o grupo é reducido. Petra chega con Toska, Irene con Siza e Francisco con Gabi. Nesta particular "escola" recíbeos Diego, o educador canino, e Martin, un alumno que asiste como oínte. Pero, en que consiste esta clase? 

Se é a primeira sesión á que asisten acláraselles "o que é a comunicación no can e a xestión do estrés, que é o fundamental", matiza Álvarez. O grupo desta reportaxe xa é veterano, así que as explicacións céntranse en despexar dúbidas. 

De inicio, "vemos a chegada, que xa ves que chegan todos cans moi intensos para saudarse, e entón traballamos correa", a continuación, "xogos a nivel non profesional: detección e mantrailing (rastrexo)" e, personalizando, abórdanse as necesidades concretas de cada can, así como nocións sobre a alimentación BARF (alimentación crúa bioloxicamente apropiada), "para deixar de malalimentar con pensos", e que é seguida por todos os cans que asisten á clase. 

PETRA & TOSKA

A alemá Petra Spaniol é a titora (nova denominación que se aplica tras a aprobación da Lei de Benestar Animal) de Toska, pastora alemá de 6 anos. Declara que na súa contorna "hai máis cans que fillos, porque me movo por protectoras".

No seu fogar de Campañó, Petra e o seu marido conviven con tres cans: Crazy, de 7 anos, adoptado na protectora de Vilagarcía; Uxi, de 4 anos, adoptada en Os Palleiros; e Toska, que procede da casa dos seus sogros. Todos asisten a esta escola, aínda que se van turnando. "Hoxe aproveito que veñen menos cans porque Toska aínda non se afai a grupos grandes".

Proles e contras de convivir con cans? "Contras non vexo, pero si necesitan atención e coidado, é unha responsabilidade, que para min non me pesa, aínda que vexo que hai moita xente que non se dá conta do que necesita, a responsabilidade económica, a atención veterinaria… ", indica Petra. 

Acode a clase porque "máis que cambiar a conduta de Toska, quero aprender eu como reacciona nese momento, e iso dáme moita seguridade".

IRENE & SIZA

Siza, de 2 anos, chegou á casa de Irene Veiga por casualidade. "É a miña primeira cadela, sempre quixen ter unha e a miña expareja tróuxoma un día de sorpresa, viña dunha camada que tiveron uns pastores de Ourense", comenta.

"Veño ás clases porque, ao ser o primeiro can, había moitas cousas que non coñecía"

A súa raza, border collie, require unha atención especial. "Veño ás clases porque, ao ser o primeiro can, había moitas cousas que non coñecía. Esta raza é de pastoreo, e por iso Siza tendía a tirarse aos coches, cousas en movemento, ponse nerviosa con ruídos, e as clases axúdanme a aprender estas situacións".

Irene destaca que a súa cadela achégalle moita compañía, "se non che apetece saír de casa axúdache a socializar". Aínda que ao ser cachorro tamén recoñece que "que ten moita enerxía e quítame moito tempo".

FRANCISCO & GABI

En casa de Francisco García tampouco hai nenos. Pero dende sempre tivo cans. "Cando morreu a última, seis ou sete meses despois decidinme a coller a Gabi na protectora, vina tímida no canil pero enganoume, resulta que era super nerviosa", comenta entre risas.

Ese é un dos motivos polos que Gabi, de dous anos e raza mestiza, asiste ás sesións co educador canino. "Veño a aprender, porque non é o mesmo un can que está pendente de ti que outro que en canto lle quitas correa bótase a correr polo monte, por iso quero saber manexarme con ela", apunta. Para reforzar a seguridade de Gabi e localizala no caso de que se escape, porta un sistema GPS.

MARTIN E O VOLUNTARIADO

"Gústame aprender para poder axudar os cans da protectora co estrés e a ansiedade"

Nesta clase tamén nos atopamos a Martin Fernández, cun perfil ben distinto aos seus compañeiros. É voluntario da asociación Os Palleiros. Asiste como oínte, porque "me gusta aprender para poder axudar os cans da protectora co estrés e a ansiedade". 

Insiste Martin en que ter un can "é unha responsabilidade" e como nestes momentos está sen traballo decidiu pospoñer esta decisión. "Se se me pon enfermo non podo facer fronte a eses cargos do veterinario", declara.

Para Martin a convivencia con cans sempre é positiva, así que anima a todos aqueles amantes dos animais visitar a protectora e, se non é o momento para adoptar un can, ser "socio padriño", como é o seu caso e que permite coidar ao can fóra da recinto. "Hoxe pola mañá collín un can e leveimo á miña casa en Monteporreiro para que pase un día distinto, se relaxe, dar un paseo polo monte, aínda que estes cans o que queren normalmente é coller o sofá e durmir, e tamén que lles prestes atención", remata.