Os cans dos Palleiros e os bombeiros de Pontevedra, protagonistas do calendario máis riquiño do 2023

Pontevedra
15 de decembro 2022

A iniciativa solidaria da recentemente creada Asociación Cultural e Deportiva Bombeiros de Pontevedra pon á venda por 10 euros uns calendarios que servirán para axudar a sufragar os gastos do refuxio da protectora e financiar novas iniciativas de carácter social desta asociación

Presentación do calendario solidario do 2023 dos bombeiros e Os Palleiros
Presentación do calendario solidario do 2023 dos bombeiros e Os Palleiros / PontevedraViva

A recentemente creada Asociación Cultural e Deportiva Bombeiros de Pontevedra presentou este xoves a súa primeira iniciativa. Trátase dunha campaña solidaria coa protectora Os Palleiros, cuxos cans compartiron unha sesión fotográfica cos profesionais de emerxencias para elaborar un calendario que xa está á venda pola simbólica cantidade de 10 euros. 

"Foi unha marabilla traballar cos cans, pasámolo xenial e para eles foi tamén un día moi bo, gozaron dun día de praia. A experiencia é para repetir", sostén o presidente do colectivo Nabor Vázquez. Os calendarios poderán adquirirse este sábado no mercado que organizará este sábado a protectora na Praza de Ourense de Pontevedra, pero tamén están dispoñibles en locais colaboradores como Crossfit Turoqua ou Cervexería Blackbird. 

"A recadación irá na maior para para a protectora pero nós quedaremos cunha porcentaxe para pagar o calendario e axudar financiar outros proxectos", puntualiza o portavoz dun colectivo nado hai menos de dous meses cun marcado carácter social. 

A presidenta dos Palleiros, Gloria Cubas, mostrouse tamén moi satisfeita con esta iniciativa. "Pareceunos unha idea excelente. Creo que deste calendario sairá algunha adopción", afirma con convicción a voluntaria. A selección de cans que saen nas fotografías do calendario realizouse ao "tun tun", salvo en dous casos. "Queriamos que saísen dous cans que son dos mal chamados PPP (can potencialmente perigoso) para demostrar que son cans que non se comen a ninguén e que cunha educacion correcta saben convivir", remarca Cubas.

Na presentación desta campaña solidaria, estivo tamén presente o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, quen quixo agradecer a iniciativa ao colectivo de bombeiros "para axudar tanto a Palleiros como aos cans". Ademais, o socialista tendeu a man do Concello para futuras colaboracións con ambas as agrupacións. 

O calendario está formado por un conxunto de fotografías que encabezan os días de cada un dos 12 meses do ano 2023. As instantáneas, tomadas polo fotógrafo Miguel Vidal no parque e na praia de Lourido, protagonízanas os bombeiros e os cans con escenas de paseo e xogos tanto no areal como no seu lugar de traballo. En todas as imaxes queda patente o estreito vínculo que une a cans e humanos.