Os campamentos de verán, un lecer saudable en contacto coa natureza

Bueu
05 de agosto 2024

Hai unha gran variedade de campamentos incluídos na campaña da Xunta 'O teu mellor verán' que, no caso da provincia de Pontevedra, ofrece 1.965 prazas

Campamento 'Illa Marabilla', en Ons
Campamento 'Illa Marabilla', en Ons / Xunta de Galicia

Os campamentos de verán representan un lecer saudable en contacto coa natureza. A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, está a visitar este días os que organiza a Xunta. 

Este luns visitou aos 60 nenos que desfrutan dunha semana no campamento 'Illa Marabilla', en Ons. Nesta iniciativa, os participantes combinan as rutas de sendeirismo e aventuras na natureza con actividades náuticas e de praia, coma snorkel ou paddle surf en pleno Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O pasado venres tamén visitou os mozos dos campamentos 'O mar que imaxinas' e 'Kiriko Aventura' e do campo de voluntariado 'Aldea Afacuca'.

Hai unha gran variedade de campamentos incluídos na campaña da Xunta 'O teu mellor verán' que, no caso da provincia de Pontevedra, ofrece 1.965 prazas.

Estes campamentos favorecen o contacto da mocidade coa natureza ao participar en actividades orientadas ao mar, ao coidado de animais de granxa e ao mantemento da contorna natural.

Baixo o nome 'O mar que imaxinas', o albergue xuvenil As Sinas acolle en Vilanova de Arousa a 120 mozos de entre 13 a 15 anos. Ao mesmo tempo, en Fornelos de Montes, 44 participantes conviven no centro de educación ambiental El Kiriko, onde realizan actividades como rutas de sendeirismo, xincanas, obradoiros de cociña e campionatos de fútbol.

No campo de voluntariado 'Aldea Alfacuca', no concello de Mos, 11 mozos de entre 18 e 28 anos colaboran en actividades medioambientais que implican accións coma o coidado da vexetación e a rehabilitación e acondicionamento dos espazos da aldea.