"Os Camiños Escolares son unha fórmula educadora para que os rapaces aprendan a manexar o seu sentido da responsabilidade"

Pontevedra
14 de maio 2013

María Sintes, coordinadora da área de educación e cooperación do Centro Nacional de Educación Ambiental (Ceneam), protagoniza este martes unha actividade informativa sobre os 'Camiños Escolares' na que destacará que "hai máis de dez razóns polas que é bo deixar que os nenos camiñen á escola. ÿ bo para os nenos, para as familias e para a cidade. Véxolle vantaxes por todos os lados"

María Sintes é coordinadora da área de educación e cooperación do Centro Nacional de Educación Ambiental (Ceneam) do Ministerio de Medio Ambiente. Este martes participará en Pontevedra na xornada informativa sobre os 'Camiños Escolares' organizada pola Concellaría de Protección Cidadá, pero antes quixo coñecer a cidade e esta iniciativa. Mentres toma fotos e boa nota mental de como se desenvolve unha xornada no único colexio que ata agora aplica o proxecto, o Álvarez Limeses, analiza o modelo de cidade de Pontevedra e asegura que "realmente é impresionante".

Despois dunha mañá percorrendo Pontevedra, cal é a súa primeira impresión?

A primeira impresión foi moi moi positiva. Entre este día magnífico (todo hai que dicilo) e que realmente é impresionante. Oíralles falar en distintas ocasións, presentar os cambios, os folletos do antes e o despois, pero tiña que velo en vivo e é impresionante.

Dende logo, a impresión non pode ser mellor. Que é o que máis lle chamou a atención?

Houbo unha pequena anécdota. Estabamos na zona vella e, de súpeto, vin un avó maior e unha gran furgoneta que viña por detrás do avó e o que me saíu foi ir a rescatar o avó. Non me encaixaba o que a furgoneta se puxese ao paso do avó e nin pitase nin insultar nin nada. Para min ese foi o momento porque, ademais, a única que tivo esa impresión fun eu. O feito de que a xente viva con absoluta naturalidade ir de paseo tendo a posibilidade de que os coches circulen ao lado, claro, adaptándose ás regras do xogo do espazo de prioridade peonil. Sorprendeume moito porque ademais non é unha rúa nin son dous, que é o que podes encontrar noutras cidades. Paréceme moi sorprendente e logo, claro, coñeces o que hai detrás porque teño a sorte de que mo explican.

O que hai detrás?

Saber que hai un equipo coas ideas tan claras, cun obxectivo moi claro e moi compartido e a xente, tanto técnicos como asesores, están moi identificados co obxectivo. Iso é raro, o que se dean todos eses factores. Coñezo bastantes cidades e coñezo moitos casos nos que se están a intentar facer cousas e achegar a cidade ao peón e recuperar espazos, pero nos que todo é como unha loita, uns cantos que teñen a idea e a visión e están a intentar coas súas ferramentas rabuñar. Pero realmente non coñecía o caso dunha cidade na que se vexa plasmado o traballo dun equipo no que todo o mundo vai cara a unha finalidade. ÿ complicado encontrar iso. Vós estaredes afeitos, pero dende fóra verdadeiramente non é nada habitual.

Polo que puido coñecer de Pontevedra, ve factible importar o modelo a outras cidades?

Factible, pero téñense que dar todas as circunstancias. Tense que dar que haxa un equipo xestor cun modelo de cidade claro na cabeza (iso xa non é tan simple) que teña ademais a valentía de implantalo (iso tamén é complicado). Coñezo, por exemplo, o caso de San Sebastián, no cal o alcalde dixo: isto faise porque si. Pero isto non é habitual. A xente non ten as ideas tan claras. E unir ás ideas claras a valentía de asumir os riscos de equivocarte, de non enganchar coa cidade, que a xente se che cabree e pagues o parrulo nas seguintes eleccións. Non é tan sinxelo. E logo, o que iso haxa permeabilizado cara aos técnicos, que non sexa só o equipo xestor, senón que os técnicos se identificasen con iso, que houbese o tempo suficiente para formar a xente. ÿ factible, pero non sinxelo que se dean todos eses factores.

Entón, non será doado encontrarse unha cidade cun modelo similar a Pontevedra noutros puntos de España.

Eu espero que si, que Segovia se vaia parecendo, pero, por exemplo, nós desenvolvemos durante dez anos, no 1998, un programa de participación infantil na mellora urbana coa intención de aproximar este tipo de sensibilidade, facer unha cidade acolledora, segura para a infancia, aproximar esa sensibilidade a técnicos e xestores políticos. Nos 10 anos que estivemos a traballar tivemos tres equipos municipais e ao mellor non o soubemos facer ben, pero non o conseguimos. Foi moi interesante dende moitos puntos de vista, foi moi educativo para os educadores, os nenos, os técnicos que participamos, pero a cidade non deu a volta. ÿ moi difícil dende abaixo rabuñar un espazo de cor que signifique cambiar as regras de xogo da rúa. Aquí fíxose.

"ÿ moi difícil dende abaixo rabuñar un espazo de cor que signifique cambiar as regras de xogo da rúa. Aquí fíxose"

Pola experiencia que relata de Segovia e por outras cidades que coñece, implantar programas como os 'Camiños Escolares' é posible se non hai un modelo cidade detrás?

Claro. De feito, en Segovia utilizámolo como ferramenta educativa, de reflexión sobre o modelo de cidade. Foi utilizar dalgún xeito algo cando aínda non había a sensibilidade nin política nin cidadá necesaria. Aquí é ao revés, temos unha cidade que está cambiada dende unha perspectiva de facela segura e acolledora para a infancia e agora quizais o traballo é ao contrario, o de trasladar a reflexión ás familias e que as familias asuman a súa responsabilidade e decidan "imos deixar que os nosos nenos vivan a súa experiencia de rúa, que fagan algo que para nós foi absolutamente normal, usar a rúa cos nosos colegas, iamos camiñando sós ao colexio". Ao mellor aquí é diferente, noutros lados o camiño escolar é unha ferramenta de sensibilización e de coacción cara aos decisores políticos e aquí é unha ferramenta que os xestores están a poñer ao servizo da cidadanía de Pontevedra, que ten que facer a súa parte tamén e decidir: "temos unha cidade segura, imos deixar que os nenos a gocen".

"ÿ bo para os nenos, para as familias para a cidade. Eu véxolle vantaxes por todos os lados"

Que factores positivos encontra nesta iniciativa de 'Camiños Escolares'?

Para as xornadas pensara en facer un decálogo das dez razóns polas que é bo deixar que os nenos camiñen á escola. Saíronme máis de dez e intentei resumilo nunhas cinco razóns que me parecen fundamentais polas que é bo para os nenos e as nenas, por que é bo para as familias e por que é bo para a cidade. Porque eu lle vexo vantaxes por todos os lados. Paréceme que é interesante para os nenos, é unha fórmula educadora pola que eles se fan responsables das súas propias capacidades, do seu espazo de responsabilidade, da súa propia autonomía. Iso é algo que se adestra. Os nenos non se fan autónomos e responsables porque lles chega a hora, non, adéstrase a responsabilidade, a autonomía, a capacidade de asumir riscos, de tomar decisións ante dilemas que se che formulan. O que acontece agora é que non deixamos os nenos facelo do xeito natural que antes acontecía. Entón, lles sobre protexemos demasiado tempo e de súpeto teñen que saber usar a súa responsabilidade, pero a cousa non funciona así. Pois os camiños escolares son unha ferramenta máis das que dispoñemos para que os rapaces aprendan a manexar o seu sentido da responsabilidade, as súas capacidades motoras, o seu sentido da orientación, o seu sentido do tempo, é unha ferramenta educadora.

Que hai dos pais? Por que é bo para os pais?

Para os pais véxoo moi interesante porque nos fan reformularnos as nosas decisións educadoras. Por exemplo, o dilema entre educar no medo ou na confianza. Educar na sobre protección ou na autonomía. Iso son dilemas que resolvemos cotiamente tomando unha decisión ou outra e esta é unha proba. Cando me atrevo a confiar no meu fillo? Atrévome ou non a confiar na cidade que teño, no papá ou a mamá que hoxe acompaña ao grupo de rapaces que vai á escola? Son pequenas probas ás que os pais nos vemos sometidos de xeito cotián pero é unha ferramenta que nos fai reformularnos as nosas opcións como educadoras, como vivimos a maternidade. Logo, é unha ferramenta que che libera un tempo, un tempo que agora mesmo con este xeito de vivir a maternidade, sobre todo tan sobre protectora na que tes que ser acompañante do teu fillo todo o día, é un intensivo e é unha cousa realmente nova. Nas cidades e nos pobos antes moita parte do coidado era colectivo, non estabas pegado ao teu fillo todo o día. Iso perdeuse e eu creo que outra das cousas que hai que reformular é se iso é positivo e que tipo de cidadanía e de sociedade facemos con esta privatización da crianza tan forte. Iso é outra vantaxe, dicir: libero o tempo, xa non son acompañante permanente do neno.

"Aquí é moi rechamante que estea, por exemplo, a Policía Local tan implicada"

Pola súa especialización coñece outras cidades e os seus modelos. Conocs iniciativas similares a 'Camiños Escolares'? Funcionan?

Si. Nós comezamos en Segovia entorno ao ano 2000. Na cidade de Barcelona levan traballándoo moitos anos. En Madrid tamén. San Sebastian quizais é o caso que podería ser máis parecido a Pontevedra no sentido de que o concello fixo na aposta importante pola mobilidade peonil e ciclista e en paralelo desenvolveron un programa educativo en colexios en torno ao camiño escolar que leva xa bastantes anos. Noutros lugares é unha ferramenta case como para poñer no debate que pasa co modelo de cidade, temos que modificar a mobilidade, pero non está asumido como modelo de cidade, encadeado dentro dunha política de mobilidade, dunha política de seguridade vial. Aquí é moi rechamante que estea, por exemplo, a Policía Local tan implicada.

Para que os pais confíen nos 'Camiños Escolares' teñen que sentirse seguros. Pontevedra é unha cidade, en xeral, segura para a infancia?

Coñezo as horas que estiven aquí, pero polo tamaño da cidade e urbanisticamente o traballo que se fixo en organizar a mobilidade en función do peón paréceme que moito máis non se pode pedir. Outra cousa é que os medos das familias, os medos dos pais vingan doutros temas que non teñan que ver estritamente co medo ao coche. ÿ un traballo moito máis amplo. O tema da mobilidade infantil pódese ver dende moitas perspectivas e non ten que ver só con como estea organizada a rúa e se os coches van a 30 ou van a 20. Ten que ver tamén co nivel de confianza social, co que se retecesen suficientemente as relacións de comunidade, con que sexa unha cidade segura dende outros aspectos. Isto custa ao mellor un pouquiño máis traballalo, outra década.

Arquivado en