Os cadros do Museo de Pontevedra espoliados polos nazis regresarán a Polonia

Pontevedra
07 de setembro 2022

Trátase de dúas pinturas que forman o díptico Mater Dolorosa e Ecce Homo, atribuídos inicialmente ao pintor holandés Dieric Bouts, principal representante da Escola de Lovaina, aínda que diversos estudos demostraron que son obra dun dos integrantes desa corrente

Díptico espoliado polos nazis, que será devolto a Polonia
Díptico espoliado polos nazis, que será devolto a Polonia / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobará este venres a devolución a Polonia de dous cadros, adquiridos no seu día polo Museo de Pontevedra, que foron espoliados polo réxime nazi, que llos arrebatou aos seus propietarios no ano 1944.

Trátase de dúas pinturas que forman o díptico Mater Dolorosa e Ecce Homo, atribuídos inicialmente ao pintor holandés Dieric Bouts, principal representante da Escola de Lovaina, aínda que diversos estudos demostraron que son obra dun dos integrantes desa corrente.

Os cadros, valorados en 23.000 euros cada un, chegaron ao museo pontevedrés como parte do depósito realizado polo coleccionista José Fernández López, máis de trescentas pinturas de diversos autores que o Museo adquiriu finalmente en 1994 por 600 millóns de pesetas.

Descoñécese cando foron adquiridos estes cadros por Fernández López, pero todo parece indicar que puido facelo nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual. 

Coa autorización que se aprobará este venres, no pleno da corporación provincial, completaranse os trámites para a devolución destas dúas pinturas.

Tras iso, o Museo poñerá ambas as pezas ao dispor do Ministerio de Cultura e Deporte, que será o encargado de comunicar este acordo ao Estado polaco para facer a entrega e finalmente trasladar as pezas ao seu territorio.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, explicou que esta devolución demorouse máis do previsto ante a reclamación da obra non só por parte do Goberno polaco senón tamén pola familia que se considera propietaria lexítima.

Todos os informes xurídicos solicitados polo Museo concluíron que o procedemento correcto era restituír os cadros ao Estado polaco para que este, posteriormente, delimite a propiedade dos bens rexéndose pola súa propia lexislación interna.

A identificación do díptico como ben expoliado xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wiśniewski, do departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra.

Segundo a documentación que achegaba, as dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski en Gołuchów, que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. 

A pesar do dereito para obter unha indemnización pola devolución destes cadros, a intención da Deputación de Pontevedra é realizar a cesión sen custo.