Os bombeiros tiveron que sufocar a queima de alpacas de palla e un coche incendiado durante a Feira Franca

Pontevedra
06 de setembro 2015

Dous mozos foron os causantes da queima das alpacas de palla no centro histórico a altas horas da madrugada. A Policía Local alertou os bombeiros para que interviran e evitaran que o lume puidera espallarse

Coche incendiado nas proximidades da ponte do Burgo
Coche incendiado nas proximidades da ponte do Burgo / Diego Torrado

Rexistráronse poucos incidentes durante a celebración da Feira Franca este sábado 5, non obstante, a actuación de dous mozos puido causar un grave altercado ao dedicarse ás 04.00 horas a prender lume a varias alpacas de palla situadas na praza de Curros Enríquez e na rúa Don Gonzalo, en pleno centro histórico.

A Policía Local alertou os bombeiros, segundo informaron dende o Parque de Pontevedra, que interviñeron de inmediato e impediron que o lume se estendese e provocase danos materiais nos edificios da zona.

Por outra parte, os bombeiros de Pontevedra tamén tiveron que intervir durante a tarde do sábado para sufocar as lapas que se rexistraron nun vehículo cando circulaba polas proximidades da ponte do Burgo. Actuou a brigada que se mantiña alerta para garantir a seguridade durante a Feira Franca. A persoa que conducía o vehículo resultou ilesa do incidente.

Arquivado en