Os Bombeiros do servizo de extinción de incendios do Concello de Pontevedra que interviñeron activamente no operativo de rescate do accidente de autobús de Pedre do 24 de decembro de 2022 recolleron este sábado na Estrada a Medalla ao Mérito da Protección Civil de Galicia.
A Xunta xa dera a coñecer esta concesión e este sábado celebrouse o acto oficial, no que os condecorados, Santiago Carramal, Rubén Comesaña, Aarón Cruz, César Lago e Marcos Prieto, estiveron arroupados por unha ampla representación pontevedresa.
Así, ata A Estrada desprazáronse a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, e o responsable do parque municipal de Bombeiros de Pontevedra, Vicente Ferrería.
Ademais, estiveron no acto na Academia Galega de Seguridade Pública o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Rueda presidiu este acto de entrega de medallas ao mérito e os distintivos de permanencia de Protección Civil correspondentes aos anos 2023 e 2024, cos que a Xunta recoñece o labor de persoas e agrupacións e o seu compromiso co servizo público. E agradeceu o traballo dos "homes e mulleres que entregan o seu tempo e se ocupan de algo que ás veces non valoramos ata que o necesitamos".
No acto concedéronse as distincións outorgadas en 2023 e en 2024, recoñecendo así a 79 voluntarios que cumpriron 25 anos de servizo, e entregándose 21 medallas de bronce, 8 medallas de prata -unha delas a título póstumo- 3 placas de prata e 2 medallas de ouro: unha do ano 2023 para Manuel Silva (a título póstumo) e unha do ano 2024 para Carlos García Touriñán.