Os bombeiros mantivéronse toda a noite controlando os restos do incendio do edificio dos soportais da Ferrería ata que se deu por sufocado, pasadas as 4:00 da madrugada. Segundo expuxo o responsable do Parque de Bombeiros de Pontevedra, Manuel Torres, ao longo desta madrugada arrefriaron os rescoldos para tentar acceder ás zonas máis profundas dun edificio moi longo e de difícil acceso. Torres afirmou que se están restablecendo as condicións de seguridade e que, en principio, non existe risco de que os derrubamentos afecten as vivendas lindeiras.
Derrubouse parcialmente no interior, indicou o xefe dos Bombeiros, que sinalou que o máis difícil fora evitar a propagación a outros inmobles debido a que a estrutura destas casas dificulta a actuación das forzas de seguridade. Explicou que existe unha importante cantidade de madeira e que será necesario remover cascallo durante as próximas horas evitando que as chamas poidan reavivarse. As explosións que se produciron no edificio orixináronse pola presenza de material eléctrico, apuntou.
Torres afirmou tamén que os locais comerciais víronse afectados por fume pero non corren ningún outro perigo de seguridade. E, ante as críticas dalgúns veciños polo atraso na intervención dos bombeiros na fachada fronte á praza da Ferreira, o responsable do servizo sinalou que o operativo comezara pola fachada de Michelena, zona na que se observaba o fume e que supoñía o espazo de maior perigo.
A concelleira de seguridade cidadá, Carme da Silva, agradeceu o traballo dos Bombeiros, a Policía Local e a Policía Nacional, ademais da colaboración dos bombeiros do Morrazo, Salnés e Protección Civil de Poio.
O intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, indicou que o que se tentou asegurarse inicialmente foi a seguridade das persoas e, por ese motivo, baleiráronse os edifiios para evitar danos. Ao redor de 12 persoas foron desaloxadas e trasladadas a un hotel onde pasarán a noite. Outras oito, residente en edificios próximos, tamén decidiron pasar as próximas horas lonxe da súa vivenda. A Policía Local tamén pechou o comercio próximo de Michelena e da Praza da Ferrería para evitar danos persoais ante a proximidade das chamas e o perigo que podía levar as explosións.