A área de Pediatría do Hospital Provincial xa se prepara para a chegada dos Reis Magos na noite do venres, pero coma aperitivo a unha xornada tan especial recibiu este xoves a visita dos Bombeiros de Pontevedra.
Os profesionais de emerxencias do parque municipal de Pontevedra, por primeira vez nestas datas, levaron agasallos aos nenos que permanecen ingresados no centro hospitalario pontevedrés, e compartiron con eles uns momentos entretidos nos que esquecerse das súas doenzas.
Nesta ocasión, a chegada dos bombeiros ao Provincial foi máis espectacular que o pasado mes de maio –na conmemoración do Día do Neno Hospitalizado-, xa que acadaron os permisos para trasladarse no camión de altura ata a rúa Joaquín Costa e despregar a escala ata a galería do segundo andar do Hospital Provincial, onde a cativada tivo a oportunidade de velos chegar e recibir os agasallos a través dunha das fiestras.
Outro grupo de bombeiros entrou a pe no edificio, vestidos co traxe de incendios e o equipo de respiración, para que os rapaces hospitalizados puidesen coñecer e mesmo probar o equipamento dos efectivos de extinción de incendios e emerxencias da cidade.
Así mesmo, nesta visita, na que estivo presente a directora asistencial da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a doutora Susana Romero Yuste, xunto con outros responsables sanitarios, os Bombeiros de Pontevedra fixeron entrega dalgúns xoguetes para a aula de actividades de área de Pediatría-Escolares do hospital pontevedrés.
Esta iniciativa está organizada pola Asociación Cultural Deportiva Bombeiros de Pontevedra, unha entidade que naceu hai pouco máis dun ano, e que xa colaborara o pasado mes de maio coa Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés na celebración do Día do Neno Hospitalizado. Nesa efeméride, que se conmemora o 13 de maio, os Bombeiros de Pontevedra tamén compartiron cos meniños obsequios e material de intervención.
FESTA DOS REIS MAGOS NO HOSPITAL MONTECELO
Por outra banda, o programa de actividades polo Nadal na Área Sanitaria remata mañá, 5 de xaneiro, coa Festa dos Reis Magos, que se celebra no salón de actos do Hospital Montecelo a partir das 17 horas, para a entrega de agasallos coma en anos anteriores. Se ben horas antes, pola mañá, as súas Maxestades de Oriente percorrerán as distintas unidades do Hospital Provincial para repartir caramelos e ledicia entre os doentes e traballadores.