Os bombeiros interveñen ante a presenza de velutinas na Avenida da Estación

Pontevedra
01 de xuño 2022

A veciñanza alertou da presenza destes insectos e foi necesaria a intervención dos bombeiros que, a través da escaleira mecánica, lograban acceder ao punto onde se atopaba o niño

Intervención dos Bombeiros ante a presenza de avespas velutinas na Avenida da Estación
Intervención dos Bombeiros ante a presenza de avespas velutinas na Avenida da Estación / PontevedraViva

Axentes da Policía Local e un equipo do Parque de Bombeiros de Pontevedra trasladábase nas últimas horas da tarde deste mércores 1 de xuño ata a Avenida da Estación, a rúa paralela á Avenida de Vigo, porque a veciñanza alertaba da presenza dun niño de velutinas.

Foi necesaria a utilización da escaleira mecánica para localizar o punto no que se atopaba o foco destas avespas. Non se rexistraron danos persoais, segundo indicaron desde o Parque de Bombeiros.

Desde a Xunta de Galicia alertan da importancia de contactar co teléfono de atención e información á cidadanía 012 no caso de que se detecte un niño desta avespa asiática. En 2021, o  Seaga eliminou case 18.000 niños en 300 concellos de Galicia. 

Segundo o colectivo Avespa Asiática, Pontevedra é unha das provincias españolas máis afectadas pola súa presenza. Desde diferentes agrupacións insisten en que esta variedade da avespa compromete a biodiversidade e mata ás abellas, ademais de ser causante de perigosas picaduras para os humanos.

Arquivado en