Os bombeiros excarceran un mozo tras impactar o seu turismo contra un camión

Pontevedra
17 de xaneiro 2013

O accidente produciuse en San Vicente de Cerponzóns, na contorna da discoteca La Luna, a primeiras horas da tarde. O turismo quedou estragado e o mozo, sen aparentes lesións graves, foi trasladado a un centro hospitalario de Pontevedra

Unha dotación dos Bombeiros de Pontevedra tiveron que excarcerar un mozo de ao redor de 30 anos do seu turismo, un Fiat Punto que se estrelaba fronto-lateralmente contra un tráiler que circulaba en dirección a Pontevedra. O accidente producíase, arredor das 15:30 h., na parroquia de San Vicente de Cerponzóns, no punto quilométrico 111 do Nacional 550, nas proximidades da discoteca La Luna.

O vehículo que conducía o mozo en dirección a Santiago saíase da vía por causas aínda por esclarecer nunha das curvas da zona. O turismo quedou destruído e o mozo foi trasladado a un centro hospitalario de Pontevedra sen que, aparentemente, parecese sufrir feridas de gravidade.

Foi necesaria a intervención dos servizos de mantemento do Ministerio de Fomento para limpar a calzada na que había restos do impacto e unha mancha de gasóleo.