Bombeiros dos parques comarcais atópanse inmersos nun proceso de folga laboral que dura xa máis de dous anos para reclamar o cumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia por parte da Xunta pero ante a situación preocupante pola vaga de incendios que se está rexistrando durante estes días decidiron poñerse a disposición para completar as quendas.
A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia tomou esta decisión ao entender que deben prestar servizos de apoio nos incendios cando se aproximan a vivendas ou a zonas urbanizadas. Sinalan que se trata dunha situación excepcional de perigo e por ese motivo deciden colaborar para facer fronte aos efectos dos diferentes lumes que están a afectar aos montes galegos.
Desde a Mesa Intersindical promóvese que os traballadores dos parques de bombeiros de Galicia que se atopan en proceso de folga acudan, se así o consideran conveniente, aos postos de traballo sempre que sexan requiridos durante o seu tempo libre para reforzar as quendas de dúas ou tres efectivos que se manteñen nos parques para atender ás incidencias forestais. Desta forma, ofrécense á administración para que conte con estes efectivos.