A Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia volveu saltar á palestra para dar a súa opinión como profesionais do sector sobre a polémica do mapa de emerxencias de Galicia, que nos últimos días enfrontou á Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Os profesionais deron a coñecer que a institución provincial contempla entre os seus plans crear un parque de bombeiros no polígono industrial do Campiño, entre Pontevedra e Ponte Caldelas e considérao un "craso erro".
Segundo a información que manexa esta plataforma, unha das propostas promovidas pola Deputación en canto ao mapa de emerxencias pasa pola creación inminente de tres novos parques en Cerdedo-Cotobade, O Campiño e Portocortiñas e outros dous a posteriori en Cuntis e O Rosal.
A plataforma ve "positivo" o incremento de parques de bombeiros que reduzan as actuais isócronas, pero critican a ubicaciónn no Campiño, a escasos 10 minutos do parque municipal de Pontevedra. Ao seu xuízo, a "solución óptima" pasaría pola reiteradamente debatida comarcalización do parque pontevedrés dotándoo dos medios humanos e materiais necesarios para afrontar esta nova realidade.
Esta comarcalización é "un dos puntos quentes do proceso" e a plataforma vea con "bos ollos", pero matizan que debe facerse "con garantías" e dando os pasos previos necesarios, pois "non nos gustaría que se repetise a historia dunha cancelada e custosa comarcalización como foi a do SPEIS de Santiago Compostela".
En todo caso, este colectivo de profesionais considera que a "única solución real" para a xestión das emerxencias pasa por regular a profesión mediante o seu estatuto específico e, a partir de aí, solucionar o mapa de emerxencias, mediante un servizo que "deixe de estar secuestrado por empresas privadas. Todo proceso que non empezo por un cambio lexislativo é, ao seu xuízo, "empezar a casa polo tellado".
Ademais, critican que a Deputación de Pontevedra "non manifestou de maneira concisa que modelo de xestión pretende implantar" e insisten en que todas as modificacións que leven a cabo deben ir enfocadas cara á recuperación da xestión directa do servizo, dado que o modelo de xestión privatizado que existe na provincia desde hai 15 anos deu "quebradizos de cabeza" aos profesionais do sector e os cidadáns.