Os representantes sindicais do parque municipal de Bombeiros de Pontevedra aseguran, a través dun comunicado, que o actual sistema de emerxencias "fallou, falla e seguirá fallando" se non se toman as medidas "oportunas" para corrixir as súas disfuncións.
Os bombeiros pontevedreses elaboraron un dossier de como está afectando o actual sistema de emerxencias galego de maneira directa ao cidadán e aos propios servizos de bombeiros que leva o significativo título de "Caos 112 Galicia".
Este informe foi elaborado a traves de 15 emerxencias ocorridas no ámbito limítrofe do municipio de Pontevedra, entre elas o incendio de Fandicosta, un lume que calcinou unha nave de conxelados no municipio pontevedrés de Moaña o pasado 9 de maio.
Preguntan "a que esperamos? haberá mortos? ou xa os houbo e non nos decatamos?"
O Parque de Bombeiros de Pontevedra, que se atopa a "escasos 14 minutos" do lugar do incendio, "nunca recibiu ningunha chamada" por parte do 112, nin para informar nin para requirir máis medios, a pesar de ser, segundo lembran, o segundo parque máis próximo e con máis medios humanos e materiais despois do de Vigo.
Pasadas as sete da tarde, o goberno local de Pontevedra ordenou aos bombeiros do parque municipal poñerse en contacto co 112, ofrecéndolles todos os seus medios materiais e humanos, pero segundo a versión sindical a resposta do servizo de emerxencia foi que non eran necesarios.
Nas súas conclusións este dossier sinala que a provincia de Pontevedra ten un mapa de emerxencias "sen sentido lóxico", o que deriva nun "grave risco para a vida das persoas e os seus bens".
Ademais sinalan o "illamento dos parques municipais públicos en favor da privatización custe o que custe".
Finalmente preguntan "a que esperamos? haberá mortos? ou xa os houbo e non nos decatamos?".