Os bolardos de Peregrina seguirán durante "meses" porque, segundo Mosquera, están funcionando "moi ben"

Pontevedra
23 de abril 2024

Así o defendeu o edil César Mosquera, que asegurou que os informes da Policía Local acreditan que non se están producindo "desaxustes" nin se está trasladando este problema a outros ámbitos próximos a esta zona

Bolardos na Rúa Peregrina
Bolardos na Rúa Peregrina / Mónica Patxot

Doce días despois da instalación dos bolardos na rúa Peregrina, o goberno municipal sostén que están a funcionar "moi ben" para impedir que os vehículos crucen entre a Glorieta de Compostela e Daniel da Sota, "e non está a provocar problemas".

Así o defendeu o edil César Mosquera, que asegurou que os informes da Policía Local acreditan que non se están producindo "desaxustes" nin se está trasladando este problema a outros ámbitos próximos a esta zona.

"Os peóns xa non teñen que estar preocupados de que pasen furgonetas e claras mentres van tranquilamente pola zona", subliñou Mosquera, que cifrou en "entre 300 e 500" os vehículos que cruzaban esa zona peonil ao día en busca dun atallo.

O concelleiro do BNG lembrou que esa zona é "estritamente peonil" e a ela só poden acceder os servizos de emerxencia "en servizo", pero nos últimos tempos a situación "foi empeorando e agravándose".

Aínda que se tentou resolver por vía policial "varias veces", César Mosquera recoñeceu que "non foi posible" e estábase provocando un "problema serio" para os peóns.

Esta medida ten a "vocación", engadiu Mosquera, de que sexa "provisional e transitoria" como o foron os bolardos da Rúa Maestranza, pero estarán colocados, como mínimo, ata despois do verán porque "se abrimos pronto seguirán pasando".

Isto irá acompañado de medidas complementarias, como un maior control das zonas de carga e descarga en Frei Juan de Navarrete e Peregrina, ao detectarse a presenza de turismos que dificultan o traballo dos repartidores.

Con respecto ás críticas recibidas, especialmente de sindicatos do ámbito da Policía Nacional, o concelleiro nacionalista lamentou que "os que están en contra do modelo de Pontevedra sempre ensinan a pata".

Para Mosquera, Pontevedra ten "bastantes poucos bolardos" en comparación con outras cidades "e nelas non hai estes problemas" e asegurou que, por agora, no Concello non se recibiu ningunha queixa oficial por problemas cos servizos de emerxencias.

"Á Policía Nacional non lle gustaría que lles dixeran como facer o seu traballo e que non teñen que ir en coche ou moto para todo. Aos nosos non lles gusta que informen sobre como se debe organizar a mobilidade na cidade", sentenciou el edil.