Despois do estalido da pandemia da covid-19, o mundo recupera aos poucos a normalidade. Sempre coas precaucións necesarias, os estadios, cinemas e museos recuperan os seus aforos, as discotecas volven abrir as súas portas e a axenda cultural de auditorios e salas de concertos volve encherse. Con todo, existe un subsector do lecer, o dos bares, cafeterías ou cervexerías, que aínda non recuperou unha parte fundamental do seu modelo de negocio: o horario.
A licenza deste tipo de establecementos en Pontevedra recolle que poden exercer a súa actividade, como máximo, ata as tres da madrugada, pero desde a suspensión do confinamento na primavera do 2020 aínda non puideron abrir ata esa hora. Agora que a presión hospitalaria está en niveis baixos, moitos destes profesionais consideran que é momento de alzar a voz para defender os seus dereitos. "É certo que prexudica á nosa actividade, non se pode negar. E seguro que a algúns reduciron a súa facturación ata un 60 %", recoñece o vicepresidente de Hoempo, Rafael Rúa, como portavoz dun colectivo que "é partidario de que a hostalería recupere o horario das súas licenzas ou o que exercían antes da pandemia".
O motivo principal polo que estes empresarios decidiron dar un paso á fronte é que están a constatar que son vítimas dunha pinza que aperta o seu modelo de negocio por dúas vías. Por unha banda, a poboación volve recuperar a rutina de saír cear a restaurantes, mentres que por outro, estableceuse un novo costume de adiantar a hora de entrada en locais de lecer nocturno e discotecas. Unha situación que reduce o horario de máxima actividade duns establecementos que antes da pandemia estaban cheos ata a súa hora de peche.
"O noso sector funciona á primeira hora da noite e con estas restricións esquecéronse dun sector intermedio", puntualiza Marta González, propietaria da Gramola. "A xente está confusa, non entenden por que uns poden abrir ata as catro e media e outros pechan á unha e media", engade. Unha situación que tamén comparten na Botica, outro dos locais situado na Praza de Méndez Núñez, unha das máis concorridas da Boa Vila. "Non toda a xente quere meterse nun pub á unha e media. Están a deixar coxos a unha parte dos clientes e a unha parte dos negocios", denuncia un dos propietarios deste local.
Nalgúns casos a situación está a chegar ao límite. "Na zona vella, o 70 % da facturación é na quenda de noite. Os que temos unha praza ou unha terraza ampla podemos sobrevivir, pero os que non teñen terraza van acabar desaparecendo", lamenta o empresario.
Un destes afectados é Jesús Dasilva, propietario da cafetería Play na rúa Cruz Gallástegui. "Recuperar o horario normal é básico, o 40 % da facturación faciámolo de once da noite a tres da mañá", subliña o emprendedor.
"O prexuízo que está a sufrir certo sector da hostalería é incuantificable xa. Estamos totalmente afogados. En locais de primeira hora, unha hora e pico de facturcion é moito diñeiro cada venres e cada sábado. Ademais mantemos todos os custos", puntualiza César Sánchez, un dos propietarios do Chester da rúa Sarmiento. "O custo da SGAE sigue sendo do 100 % ou o dos lixos ou o do alugueiro", enumera para demostrar o agravio que supón non poder traballar ao máximo das súas capacidades.
A limitación afecta tamén afecta o emprego e á calidade do mesmo. "Eu tiña aos meus traballadores a xornada completa, agora téñoos a media ou tres cuartos porque nos faltan dúas horas de máxima facturación", protestan na Botica.
Pero é o difícil que supón comprender o mantemento destas restricións o que máis pesa no sector da hostalería en xeral. "O de pechar á unha e media é asumir que o virus ten horarios de contaxio, ten tan pouco sentido coma se obrigase a pechar ás comercios ás seis da tarde porque a partir desa hora hai máis xente nos negocios", compara Carlos Fontán, propietario da cervexaría O Bruc, na Praza do Teucro.
"Non entendemos por que aínda non temos os horarios que nos corresponden, xa canta o de poñer sempre o foco na hostalería", protestan desde O Bruc; "que algún experto explíqueme que sentido ten irse dunha terraza á unha e media para meterse nun local pechado", cuéstionanse na Botica; "é un absurdo, vanse quitando as restricións e nós seguimos igual", lamentan na Gramola; "débense recuperar xa os horarios propios de cada licencia", esixen por parte do Chester.
Con todo, existe certo temor no sector a que esta nova normalidade sexa permanente. "No gremio hai un pensamento de fondo a que este horario quede para sempre", recoñece un dos donos da Botica. Un medo que comparte Marta González. "Eu cheguei a pensalo, pero legalmente non poderían porque a nosa licenza é ata as tres", alega.
Outra explicación que atopan a esta limitación é a de compensar ao lecer nocturno polo prexuízo padecido durante os meses máis duros da pandemia nos que os obrigaron a permanecer pechados en toda Galicia. "É algo que entendemos perfectamente, pero creo que xa é hora de volver á normalidade", recoñece o propietario da Botica.
En foros internos do sector comezan a chegar mensaxes de optimismo. "Non hai data prevista, pero dixéronme que en breves van deixar abrir a todos segundo o horario da nosa licenza", avanza o vicepresidente de Hoempo para aplacar os ánimos dun sector que xa comeza a exporse outro tipo de accións para defender os seus dereitos.
"Estamos en conversacións con colectivos de hostaleiros das catro provincias, confiamos en que nos deixen volver en breve, pero senón faremos algún tipo de reclamación ou protesta", rematan un dos propietarios da Botica, que non dubida en contar co apoio do seu sector para acudir, se é necesario, aos xulgados.