O mobiliario urbano da praza de España de Ponte Caldelas entrou en fase de produción e estará colocado a finais deste mes. A empresa pontevedresa Edigal desenvolveu a liña Ponte Caldelas de bancos e xardineiras. Ademais está a fabricar os bolardos e o armario do cadro eléctrico que dará potencia á iluminación da praza e ao autómata que regula o funcionamento da fonte lúdica.
O goberno local apostou por unha liña de mobiliario urbano deseñado especificamente para a céntrica praza. Así, estará pintado na mesma cor que a pérgola e as dúas torres luminosas que xa presiden a praza dende hai algúns días.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou este venres a planta de produción de Edigal no polígono do Campiño e, xunto co xerente da empresa, Iago Martínez, supervisou o deseño final dos bancos, xardineiras, bolardos e o armario. Todo elo irá rotulado coa imaxe institucional do Concello e o lema municipal "Ponte Caldelas está de moda!".
Os bancos e xardineiras teñen 3,50 metros de lonxitude e 50 centímetros de fondo. Cada un dos bancos conta con catro conectores USB para carga de teléfonos móbiles. As pezas, que serán bautizados en catálogo co nome de Ponte Caldelas, están realizados en aceiro e madeira de exteriores tratada.
Tanto os bancos como a pérgola disporán de iluminación programable xunto coa fonte lúdica, que xa afronta a recta final da súa montaxe, o que permitirá que coincidan en cor e intensidade. Ábrese así a posibilidade de utilizar a praza de España para sumarse a campañas, efemérides ou celebracións sociais. Ademais, os bancos e as xardineiras son desmontables para o caso de que se precise deixar o espazo diáfano.
En total, a praza de España disporá de 15 bancos, 7 xardineiras, 43 bolardos nas marxes do carril de circulación que provén da rúa Marín e, finalmente, un armario de potencia e software.