Os axentes municipais de Sanxenxo recibirán formación especializada en prevención da violencia machista

Sanxenxo
02 de novembro 2022

O Centro de Información á Muller de Sanxenxo busca con estas xornadas, previstas para o 10 e 11 de novembro, mellorar a atención ás vítimas e o protocolo de actuación diante dun caso deste tipo

Formación en violencia de xénero da Policía Local de Sanxenxo
Formación en violencia de xénero da Policía Local de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

No marco da programación do 25-N organizada polo Centro de Información á Muller (CIM), a Policía Local de Sanxenxo volverá contar un ano máis con formación especializada en prevención de violencia de xénero. En total serán dúas xornadas, 10 e 11 de novembro, na que expertos profundarán na materia e en como actuar ante un posible caso.

As sesións celebraranse de tarde, de 16 a 20 horas. Na primeira, a fiscal da sección territorial de Cambados da Fiscalía Provincial de Pontevedra, Carmen Rebolledo Olmedo, centrarase na atención e protección de vítimas de violencia de xénero, así como no control das ordes de protección e o quebrantamento de medidas e de condenas. A continuación, tomará a palabra Rosana Izquierdo Fernández, médica de atención primaria do centro de saúde Sárdoma de Vigo e responsable do grupo de violencia de Xénero de Agamfec. Izquierdo abordará as pautas de actuación na atención sanitaria de vítimas de violencia de xénero.

Na segunda xornada, día 11, a maxistrada-xuíza no xulgado de Primeira Instancia número 1 de Santiago, María Paz Filgueira, analizará o marco xurídico ante a violencia de xénero. O exinspector principal da Policía Local de Pontevedra, Anxo Ruibal Pérez, pechará as xornadas cun relatorio sobre a actuación policial #ante a violencia de xénero e o control e seguimento das ordes de protección.

A actividade está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. O Concello de Sanxenxo busca con esta formación mellorar a atención ás vítimas e o protocolo de atención #ante un caso de violencia de xénero.