A policía local da Illa de Arousa estase a formar na nova plataforma de xestión policial, denominada XESPOL. O curso desenvólvese no Auditorio da localidade.
Esta plataforma XESPOL vai posibilitar que os axentes unifiquen todos os criterios de actuación, así como a xestión dos cadros de persoal e os impresos policiais.
Neste cometido manexarán máis de 40 bases de datos, 300 documentos preformateados e organigramas protocolarizados, o que dotará de maior eficacia e eficiencia aos axentes no seu traballo diario.
XESPOL contribuirá a facilitar o día a día da policía local, como no caso dos delitos relacionados coa violencia de xénero, xa que instrúe e deixa constancia das medidas asistenciais e procesuais que os axentes teñen que tramitar nas súas actuacións sobre Violencia contra a Muller ou Doméstica, control das ordes de servizo e eventos policiais.
Así mesmo, ofrece a posibilidade de poder xestionar calquera actuación policial integramente en galego, o que converte a XESPOL na única plataforma policial bilingüe.
En canto á coordinación de actuacións con outras policías locais, XESPOL é unha ferramenta que protocolariza actuacións, unifica a imaxe policial e garante que calquera trámite administrativo, penal ou de tráfico sexa xestionado do mesmo xeito e baixo os mesmos modelos de actas ou dilixencias en todos os concellos.
Entre os máis de 40 usos que XESPOL pon a disposición dos seus usuarios, tamén se atopa a investigación dos accidentes de tráfico no núcleo urbano ou a tramitación de calquera dos delitos contra a seguridade viaria.