Os axentes da Garda Civil que multaron o líder dos preferentistas de Baixo Miño non se presentan ao xuízo

Pontevedra
25 de novembro 2014

Xulio Vicente, voceiro da Plataforma de Afectados polas Preferentes do Baixo Miño, foi xulgado este martes ante o Contencioso Administrativo de Pontevedra, por unha sanción imposta ao concluír a sesión plenaria no Concello de Mos en febreiro do ano 2013 por causar desordes graves e portar un artefacto pirotécnico de gran potencia

Xulio Vicente (no centro da imaxe) acudió ao Xulgado acompañado dun grupo de preferentistas
Xulio Vicente (no centro da imaxe) acudió ao Xulgado acompañado dun grupo de preferentistas

Xulio Vicente, voceiro da Plataforma de Afectados polas Preferentes do Baixo Miño, foi xulgado este martes ante o Contencioso Administrativo de Pontevedra, por unha sanción imposta ao concluír a sesión plenaria no Concello de Mos en febreiro do ano 2013 por causar desordes graves e portar un artefacto pirotécnico de gran potencia.

A diferenza da pasada semana nesta ocasión a xuíza decidiu non suspender o xuízo a pesar da non comparecencia dos axentes da Garda Civil que lle puxeron a multa.

O avogado de Xulio Vicente achegou os testemuños de varios preferentistas e o dalgún xornalista que se encontraban no lugar dos feitos e que ratificaron ante a xuíza que "alí non se tirou ningún artefacto pirotécnico, ningunha bomba, nin nada".

O acusado asegurou que se os feitos dos que lle acusan fosen certos ese mesmo día tería que ter sido detido, non obstante, naquela ocasión marchou sen ser identificado, nin detido, nin informado "que quede claro que nós somos inocentes", proclamou.

Xulio Vicente reiterou a súa convicción de que existe unha "man negra" detrás de todas estas denuncias que pretenden "facer calar a un colectivo de afectados que foi criminalizado polos políticos".

O voceiro da Plataforma de Baixo Miño explicou que el tiña sete mil euros en preferentes e en sancións pídenlle máis de catro mil euros. Xulio Vicente xa foi xulgado en cinco ocasións (tres delas por causas penais que gañou) e ten pendente outros cinco xuízos máis.

"Agora o que busco é dignidade e que se destape toda esta corrupción, a este país hai que darlle unha volta como a un calcetín", concluíu.

A plataforma de afectados polas preferentes no Baixo Miño ten previsto acudir aos próximos plenos municipais dos concellos de Mos e de Tui para mostrar a súa "indignación e apoio" aos seus compañeiros sancionados e denunciar aqueles que propiciaron a imposición das multas.