Os avogados adscritos á quenda de oficio e asistencia ao detido do Colexio de Avogados de Pontevedra iniciarán o próximo un de abril, unha folga "a reglamento" con carácter indefinido.
Nun comunicado oficial esta institución sinala que os avogados teñen a "constante impresión" de que a Administración pública considera á abogacía e aos Colexios de avogados como "un atranco permanente e cuns intereses opostos a aquela", o que ao seu xuízo "supón un claro descoñecemento do labor social" que este colectivo está a desempeñar.
O detonante da crispación dos letrados da quenda de oficio foi a entrada en vigor dun decreto da Xunta que, segundo din eles, lles impide xustificar o seu traballo ante a administración e cobralo ata que ésta dicte unha resolución expresa recoñecendo o dereito do cidadán a litigar gratuitamente. Ademais do atraso na tramitación administrativa por parte da Comisión Provincial de Asistencia Xurídica Gratuita.
Por estes motivos a xunta xeral extraordinaria do pasado luns 11 de marzo acordou a adopción dunha serie de medidas de presión entre as que se atopan a "reasignación dos medios humanos e materiais do Colexio destinados á tramitación dos expedientes de xustiza gratuita", así como a redución da prestación do servizo de orientación xurídica que pasará a prestarse un único día á semana, o mércores, de 11 a 14 horas.
Ademais acordaron a redución de letrados de garda e a "actuación a reglamento na asistencia a detidos e menores" cunha "esixencia estrita en toda clase de dilixencias das formalidades legais".
Estas medidas acórdanse con carácter indefinido e serán adoptadas por todos os colexiados adscritos á quenda de oficio neste Colexio, a partir do día 1 de abril.
Todas estas medidas adóptanse co carácter de indefinidas, sen descartar no futuro a adopción de "outras que se estimen oportunas", e sempre que non se atendan as reivindicacións do colectivo, que entre outras cousas pasan por "garantir en todo caso a compensación económica".
De levarse efectivamente á práctica, poderían producirse importantes disfuncións na Administración de Xustiza. "A solución está en mans da propia Administración", conclúen.