O xefe provincial do Servizo de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Manuel Ángel González Juanatey, informou que os atrasos no proxecto de reforma da estrada autonómica PO-234, entre Laxoso e o cruzamento de Portasouto, en Ponte Caldelas, débense, fundamentalmente, á tramitación dos correspondentes expedientes de expropiación.
Así o comunicou este luns ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, no transcurso dunha reunión de traballo xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.
González Juanatey sinalou que no tramo da PO-234 que discorre polo municipio de Ponte Caldelas houbo que recorrer ás expropiacións ante a falta da cesión correspondente de terreos como si se fixo na zona de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade.
Ademais, confirmoulle a Jorge Cubela que está xa moi avanzada a redacción do convenio para finalizar a terceira fase da humanización de Tenorio. E en canto á PO-230, a estrada que une Praderrei (Campo Lameiro) coas localidades de Fentáns e Serrapio, en Cerdedo-Cotobade, indicoulle que está previsto que o proxecto salga de maneira inminente a exposición pública.
Neste sentido o alcalde volveu expresar aos responsables autonómicos "a máxima e mellor das dispoñibilidades posibles" por parte do Concello de Cerdedo-Cotobade para levar adiante o máis axiña posible estes investimentos e informoulles de que o Concello ten xa moi avanzado o plan de Infraestruturas para a estrada de Caroi a Cerdedo, do que xa dispoñen do proxecto construtivo para a súa licitación.