Os asadores do Lago de Castiñeiras volverán estar operativos a partir do 6 de xuño

Marín
05 de xuño 2020

O goberno local avanza na contratación de socorristas, a medición dos aforos e o balizamento das praias para ofrecer todos os servizos habituais durante este verán

Inauguración dos novos asadores do Lago de Castiñeiras
Inauguración dos novos asadores do Lago de Castiñeiras /

As grelladas son sinónimo de verán. E un indicativo claro de que se achega a época estival é a apertura dos asadores do Lago de Castiñeiras.

O Concello de Marín informa que estas estruturas volverán estar en funcionamento a partir desta fin de semana, pero para poder facer uso delas recomendan o cumprimento das medidas de hixiene e sanitarias para previr o contaxio por coronavirus.

Outro paso cara á época estival é o inicio do balizamento das praias e a contratación de socorristas.

Desde o goberno local remarcan que todas as praias de bandeira azul terán os servizos habituais a pesar da pandemia, aínda que este ano haberá control de aforo para garantir que se cumpre a distancia de dous metros entre bañistas.

Doutra banda, no vial de praias está a piques de finalizar o proxecto de renovación do pavimento á altura de Aguete, onde só resta o pintado da sinalización horizontal.