As delegacións de Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron a décimo cuarta edición dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2014. Estes galardóns son unha aposta da entidade colexial na provincia de Pontevedra como recoñecemento ao traballo de arquitectos, promotores, construtores e aparelladores e polo seu labor en equipo destinado a obter unha obra arquitectónica de calidade na demarcación.
Entre os premiados desta edición están a reconstrución dunha vivenda unifamiliar en Cela, en Bueu, a cargo da arquitecta María Pierres López. que sobresaíu pola súa delicadeza na execución dos detalles e a mesura dos volumes executados, ademais dunha correcta integración dos materiais.
Tamén se premiou a construcción dunha vivenda unifamiliar na Carrasqueira, tamén en Bueu, obra do estudo de arquitectura: Villacé e Cominges SLP. Destacou para o xurado a acertada disposición da vivenda nunha parcela complexa e a súa rotundidade formal.
O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha pequena pero importante achega á arquitectura, á creación e á posta en valor do contorno, ademais de constituír un vehículo de comunicación coa sociedade.
Nesta edición presentáronse sesenta propostas de diversas escalas e localizacións. O xurado valorou a totalidade das obras e proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio.
Proximamente celebrarase un acto de entrega de diplomas en Pontevedra. A edición deste ano complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro.