A XIX edición dos Premios do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) tivo este sábado acento pontevedrés. Ademais de entregar o Premio á Traxectoria Profesional ao pontevedrés César Portela (Pontevedra, 1937), a profesión recoñeceu un deseño construído na propia cidade do Lérez.
Trátase dun edificio de nova construción na rúa da Estrada número 12. O edificio ten 31 vivendas, local comercial e 2 sotos e os autores son os arquitectos Ángel Cid Carballo e Silvia Diz Places.
Os Premios COAG conceden cada ano as distincións ás mellores obras arquitectónicas e urbanísticas das presentadas de Galicia e celebraron a súa edición 2021 no Pazo Baión, en Vilanova de Arousa.
A gala, presentada pola actriz e presentadora galega Marta Doviro, reuniu arredor de 200 convidados do ámbito da arquitectura galega, ademais de contar coa presenza de personalidades dos eidos da política, a empresa e a cultura de Galicia.
Música e diversos espectáculos animaron a tarde, na que o xornalista pontevedrés de TVE Xabier Fortes entrevistou sobre o escenario a César Portela.
A decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, destacou o papel da arquitectura como conformadora do territorio na sociedade galega, que "dá resposta ás necesidades de acubillo, traballo, educación, saúde e entretemento das persoas a través de construcións de calidade, integradas na contorna de forma harmoniosa e sostible desde un punto de vista social e económico".
Ademais de celebrar o bo facer dos arquitectos galegos, a decana apuntou que a profesión precisa da axuda e soporte das Administracións Públicas na axilización de licenzas, simplificación administrativa, claridade normativa, así como a eliminación de restricións ao acceso de concursos públicos.
Tamén tivo unhas palabras para César Portela, de quen manifestou que é un exemplo de arquitecto cunha obra consolidade no tempo e que deu unha resposta axeitada ás esixencias do momento.
"Hoxe é premiado polo conxunto dunha obra que, desde o local, aspira a dar respostas universais", destacou. Ademais, lembrou que foi autor da rehabilitación do propio Pazo de Baión no que se celebrou o acto e levou o seu bo facer fóra das nosas fronteiras, chegando mesmo ata a ponte Azuma en Xapón.