Os arqueólogos da empresa A Citania que está a traballar no primeiro tramo da rúa Santa Clara, localizaron a porta de 'Rocha forte', a entrada do Camiño de Castela na cidade de Pontevedra.
Segundo explicou o arqueólogo Israel Picón, destaparon o Camiño de Castela no tramo pétreo, unha vía que xa se encontrara na cata de control da obra. "Destaca a boa factura e conservación", valorou.
O camiño ten uns oito metros de ancho, recortado por múltiples instalacións antigas e modernas. De longo mide uns 30 metros.
A maiores localizouse o tramo da muralla coa entrada da porta de Santa Clara ou de 'Rocha forte', nas planimetrías existentes ou nas conxecturas de García de la Riega especulábase coa existencia desta entrada pero non sabía o sitio exacto. De feito a recreación medieval que se fai na Feira Franca sitúa a porta pegada ao Edificio Sarmiento.
"Estamos moi contentos nese sentido", dixo o arqueólogo.
A muralla ábrese en dirección Leste uns cantos metros máis afastada do que se pensaba. Non se cingue á liña de fachadas da zona antiga, senón que se interna na rúa Santa Clara.
Ademais descubriuse material cerámico e moedas de Felipe IV que dan unha idea da importancia da cidade a nivel comercial.
Nos próximos días os arqueólogos continuarán coa escavación manual nun dos puntos onde a Dirección Xeral de Patrimonio ordenou investigar, que se corresponde coa porta de entrada da muralla. Logo faranse as planimetrías e debuxos para continuar coa catalogación para concluír a próxima semana o traballo.
O concelleiro de urbanismo e o tenente de alcalde, Antón Louro, sinalou que "eu sempre pensei que cando se estuda a cidade e aparecen ás pegadas que descifran o pasado, é unha boa noticia".
"A día de hoxe, a decisión que tomamos ao excavar, hai que felicitarse dela", celebrou Louro e "e ao mesmo tempo a obra continúa e todo o que é a obra civil está avanzando e nos próximos días esperemos que os arqueólogos xa teñan ditaminado o que hai e que é o que se pode facer no futuro", concluíu.