"Os Areeiros" e Ardán comparten tres ouros na cata da IXP Ribeiras do Morrazo

Vilaboa
11 de maio 2024

No concurso de colleiteiros os premios aos mellores tintos foron para Casa Cañoteira, Furancho Antonio e Furancho Jorge

Festa do Viño de Vilaboa
Festa do Viño de Vilaboa / Concello de Vilaboa

"Os Areeiros" e Ardán fanse cos tres ouros na categoría Brancos da cata das adegas da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo na Festa do Viño de Vilaboa. Na cata dos Tintos das adegas o ouro foi tamén para a adega "Os Areeiros" mentras que a plata recaeu no viño "Porta do Conde" da adega Ardán.

Na cata dos colleiteiros, na categoría dos tintos, o Primeiro Mellor Viño tinto foi para Martín Torres González "Casa Cañoteira"; o Segundo para Furancho Antonio e o Terceiro para Furancho de Jorge mentras que nos brancos o Primeiro foi para Nilda Alvariña, o segundo para Furancho Antonio e o terceiro para Elisa Ruibal García "Casa da Boullosa".

En total o xurado, composto por cinco profesionais do sector do viño, avaliou a calidade de 7 brancos e 6 tintos de colleiteiros e 4 brancos e 3 tintos de adegas, que poderán ser degustados polo público en xeral ata ás 17 horas deste domingo.

O goberno local agradece especialmente a colaboración de José Manuel Fernández Castro, do Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria da Consellería de Medio Rural pola súa aportación ao correcto desenvolvemento destas catas, organizadas para poñer en valor a calidade dos caldos locais.

Xunto á degustación dos viños locais, o evento completouse coa presenza de varios postos de polbo, empanada e churrasco nos que xa ao mediodía se despacharon un importante número de racións; proposta gastronómica que está complementada pola Pastelería O Laranxo, presente tamén nesta Festa na que ademáis de dulces ofrece racións de empanada de trigo e de millo.

As palilleiras de Vilaboa completan tamén a oferta deste evento, chamando a atención do público co seu traballo artesano e a exposición de artigos que ofrecen nun stand propio; xunta a elas están outros artesanos de Vilaboa coas súas pezas e propostas. 

Tralo concerto de Treixadura previsto para as 22 horas deste sábado, a programación continúa na xornada do domingo coa apertura das casetas de 12 a 17 horas e a actuación da Banda da Escola de Música de Vilaboa polo que o goberno local anima á veciñanza da contorna a achegarse a gozar dunha xornada de romería na área habilitada para este fin con mesas e sillas á sombra.