O temporal de choiva e vento que azouta Pontevedra desde mediodía deste martes non desalentou os aprendices de pirata que cada ano esperan con ansia a festa infantil que precede ao espectacular desembarco pirata nocturno. A celebración trasladárase da praza da Ferrería ao Recinto Feiral en previsión de mal tempo, de modo que puido celebrarse sen problemas.
A intensa choiva si influíu na cantidade de familias valentes que se desprazou ata o recinto, un pouco inferior a outras ocasións, pero non no ambiente festivo e mesmo se detectou un maior número de nenos e nenas disfrazados da vestimenta que dá nome á festa.
A Festa Pirata do Entroido Infantil comezou ás 17.00 horas, aínda que ata media hora despois non se animou o ambiente coa chegada gradual de asistentes.
Unha vez no Recinto Feiral, animáronse subindo e baixando dos dous barcos piratas trasladados ata o recinto e grazas á animación e os contacontos ofrecidos por varios DJ e polo grupo Rivel.