O Entroido pontevedrés xa ten pregoeiros. Os Amoriños de Bora, unha das comparsas con maior tradición na cidade -cumpren 25 anos en 2015-, serán os encargados de dar inicio a unha festa que se amplía aínda máis. Serán en total dez días de festa, do 13 ao 22 de febreiro. "Temos máis entroido que nunca", explicou a concelleira Carme da Silva, que presentou este mércores unha programación chea de novidades.
Carme da Silva destacou que Os Amoriños de Bora, que darán o pregón o venres 13 de febreiro ás 21.00 horas dende o balcón da Casa da Luz, "son moito máis que unha comparsa". Recordou que participan en todas as actividades do entroido pontevedrés, polo que sinalou que é "impensable" referirse a esta festa sen a súa presenza. "Representan o traballo e o esforzo económico de moita xente para que todos os demais gocemos do entroido", dixo.
Para eles é unha "honra" ser os elixidos para dar o pregón dunhas festas a cuxa preparación os seus 60 compoñentes dedican entre cinco e seis meses ao ano. Será un acto para o que barallan varias posibilidades e do que non queren adiantar nada para non perder o factor sorpresa. Iso si, preparan unha indumentaria especial para celebrar os seus primeiros vinte e cinco anos de vida, nos que acumularon números premios pola súa participación no Entroido da cidade.
O pregón dará o inicio a un carnaval que volverá contar con citas clásicas como o desfile (sábado 14, 17.00 horas), que manterá o seu tradicional percorrido polas rúas máis céntricas de Pontevedra; a XXIV edición do concurso de murgas (a partir do luns 16, 21.00 horas), a Noite Pirata (martes 17, 22.00 horas), a Mostra da Parodia (venres 20, 23.00 horas) -que chega este ano á súa vixésima edición-, ou o enterro do Loro Ravachol (sábado 21, 21.00 horas).
Haberá tamén varias novidades. As principais son a celebración dun campamento urbano pirata na praza de Méndez Núñez (luns 16, 17.00 horas) para nenos de entre 8 e 12 anos, organizado en colaboración co Casino Mercantil; e sobre todo, a recuperación da 'Corrida da Rosca', un carnaval tradicional que se celebraba en Campañó (domingo 22, 17.00 horas) e que permitirá alongar o Entroido pontevedrés un día máis.
A programación completa do entroido pódese consultar neste enlace.
BENITO SOTO, PROTAGONISTA DO CARTEL
Ao mesmo tempo que presentaron os pregoeiros da festa, o Concello desvelou o novo cartel do Entroido pontevedrés que, unha vez máis, foi deseñado polo debuxante Kiko Dasilva. Este ano terá un marcado carácter pirata e o seu protagonista, ademais de Ravachol, será o lendario Benito Soto, o corsario da Moureira do que se cumpren en marzo 210 anos do seu nacemento.
Kiko Dasilva explicou que quería integrar no cartel un "elemento novidoso" e pensou na Noite Pirata que, tras estrearse hai varios anos xa está consolidada no entroido. "Quería evocar a un entroido que se une ao seu novo apartado", afirmou. Por iso, ademais de Ravachol recréase o barrio da Moureira ou mesmo o carballo de Santa Margarida. Un cartel, en resumo, "diferente" para un entroido que se "distingue" entre os que se celebran en Galicia.