Os alumnos de Ciencias Sociais promoven o primeiro festival de publicidade 'We Are Ads'

Pontevedra
15 de maio 2014

Trátase dunha iniciativa que pretende dar visibilidade aos traballos desenvolvidos polos alumnos de Publicidade e Relacións Públicas. A súa celebración está prevista para xaneiro de 2015

Presentación do I Festival de Publicidade We Are Ads
Presentación do I Festival de Publicidade We Are Ads / PontevedraViva

Un grupo de estudantes do grao de Publicidade e Relacións Públicas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra traballa na creación do I Festival de Publicidade We Are Ads.

Trátase dunha iniciativa que busca dar visibilidade aos traballos que os alumnos realizan durante a súa etapa formativa.

Así o explicou na presentación da inicitiva Micaela Campanini, presidenta do comité organizador, defendendo que "moitas veces temos medo de ensinar proxectos que nos levaron moitas horas e que finalmente só ve un profesor ou o teu compañeiro de piso".

A primeira edición do festival publicitario levarase a cabo en xaneiro de 2015 dentro dunha Semana da Publicidade, que inclúa tamén diferentes conferencias e talleres.

O certame "feito por e para os lumnos", segundo Campanini, terá por un lado unha categoría centrada nos traballos realizados nas aulas, con modalidades de identidade corporativa, gráfica, cuña de radio, vídeo, acción dixital e acción de relacións públicas, todo iso valorado por un xurado profesional.

Ademais por outro lado crearase unha categoría libre na que os estudantes poderán presentar calquera proxecto realizado a título persoal.