Os alcaldes socialistas da provincia urxen á Deputación a que poña en marcha o plan Máis Provincia

Pontevedra
04 de decembro 2023

Os alcaldes do Partido Socialista na provincia de Pontevedra veñen de publicar un manifesto no que urxén ao goberno provincial da Deputación a que que poña en marcha o plan Máis Provincia, o novo plan de obras e servizos destinado aos concellos que contará con 48,2 millóns de euros

Grupo provincial do PSOE ás portas da Deputación mentras se celebraba o Pleno extraordinario para defender a Constitución
Grupo provincial do PSOE ás portas da Deputación mentras se celebraba o Pleno extraordinario para defender a Constitución / Mónica Patxot

Os alcaldes do Partido Socialista na provincia de Pontevedra veñen de publicar un manifesto no que urxen ao goberno provincial da Deputación a que que poña en marcha o plan Máis Provincia, o novo plan de obras e servizos destinado aos concellos que contará con 48,2 millóns de euros.

Estes alcaldes entenden que xa houbo "tempo máis que suficiente" para que o goberno que preside Luis López "tivera aprobado as bases do novo plan" e critican que "o atraso deste ano é máis que evidente". 

"Os alcaldes e alcaldesas temos bloqueada a planificación do próximo ano e a tramitación dos Orzamentos municipais" porque é "fundamental" para eles "coñecer a letra pequena e a dotación total que nos vai corresponder co plan de financiamento regrado da Deputación".

Dende o Partido Socialista os alcaldes da provincia aseguran que "non podemos aceptar, en ningún caso, unha asignación menor da que recibimos co Plan Concellos 2023" e tampouco "que os crecementos entre concellos sexan desiguais e non obxectivos".

Ao mesmo tempo, expresan o seu "apoio ao actual modelo de financiamento regrado", no que a asignación a cada un dos 59 concellos da provincia (todos menos Pontevedra e Vigo) faise en base a unha preasignación a cada un dos tres grandes grupos (concellos de menos de 10.000 habitantes, concellos de ata 20.000 habitantes e concellos de ata 50.000 habitantes), reforzando especialmente, de acordo coa lei, aos máis pequenos. Unha vez realizada a preasignación global, o reparto concreto calcúlase cunha fórmula que valora a poboación, a extensión e o número de núcleos.

"Cambiar o que funciona e suscitou un gran consenso na provincia sería un erro", afirman neste comunicado difundido polo PSOE.

"Os criterios deben manter a obxectividade. Non podemos permitirnos dar pasos atrás, nin a volta ao partidismo", insisten.

Por último, tamén demandan a apertura dunha "canle constante de diálogo" con todas as Alcaldías da provincia para que as bases, tanto neste como en futuros plans provinciais, "poidan ser pactados e coñecidos con antelación suficiente".