Os alcaldes do Umia, molestos ao enterarse pola prensa do corte da N-550 polo tríatlon da fin de semana

Pontevedra
22 de agosto 2018

Os alcaldes dos concellos de Cuntis, Moraña, Caldas de Reis e Portas manifestaron que non teñen nada contra a proba, pero si están molestos pola falta de información en relación co corte de tráfico na estrada  N-550 no acceso norte a Pontevedra Verducido 

Atascos na estrada N-550 a raíz da protesta dos veciños de Lérez
Atascos na estrada N-550 a raíz da protesta dos veciños de Lérez / PontevedraViva

Os alcaldes dos concellos de Cuntis, Moraña, Caldas de Reis e Portas, na comarca do Umia,  mostraron este martes o seu malestar pola falta de información en relación co corte de tráfico na estrada N-550 no acceso norte a Pontevedra durante a fin de semana coincidindo coa celebración do Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia 2018 e do Tríatlon Cros do Concello de Pontevedra.

En concreto, a proba de ciclismo obrigará a cortar a estrada N-550 Pontevedra-Santiago na zona norte ata a parroquia de Verducido, de tal forma que todos os accesos á capital estarán pechados ao tráfico, dificultando a circulación de todos os veciños de Cuntis, Moraña, Caldas e Portas, isto é, da comarca de Umia, que queiran acceder a Pontevedra e, sobre todo, os que queiran chegar ata o Hospital Montecelo. Este corte, sosteñen, implicará que para ir ata o que é o seu centro hospitalario de referencia deberán facer un percorrido moito máis longo e complicado, cos consecuentes atrasos e inconvintes. 

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, insiste en que aos catro alcaldes "parécenos positivo que se faga" este campionato de tríatlon e non teñen nada en contra da súa celebración, pero si están moi molestos coa forma en que se xestionou todo o operativo de tráfico, pois "botamos de menos que non se nos consultou". 

Respecto diso, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, indica que se enteraron " pola prensa" desta media, que implicará cortar a coñecida como estrada de Santiago ata Verducido entre as 9.00 e as 19.00 horas do sábado. No seu caso, recoñece que Moraña é, quizais un dos municipios menos afectados, pois unha parte do seu territorio ten acceso a Pontevedra a través da parroquia de Xeve, de modo que poden evitar a N-550, pero iso non evita o malestar por non ser informados previamente as restricións. 

Durante a xornada deste mércores e no que resta de semana os alcaldes dedicaranse a informar os seus veciños do corte de tráfico para evitar que o sábado lles sorprenda e dificulte calquera dos seus desprazamentos, pero durante este martes xa falaron entre eles e os catro mostran as mesmas críticas ao operativo

Os alcaldes consultados insisten en que non se opoñen á proba nin a que se regule a circulación, pero consideran que a decisión é o suficientemente importante como para consultar á zona máis afectada, que son os seus catro municipios e o veciño de Barro. Neste último municipio non xurdiron voces críticas. 

Segundo indicou Manuel Campos, foron moitos os veciños que, tras saber a noticia polos medios de comunicación, puxéronse en contacto con el para queixarse. Entre as súas queixas figura que para acudir a Pontevedra deberán ir pola estrada de Vilagarcía, a PO-531, ou a través da autoestrada AP-9, unha vía que ten peaxe, de modo que lles obriga a pagar por un desprazamento que habitualmente fan gratis. 

Non dirixen as súas críticas cara a ningunha administración en concreto, pero apuntan a que eles adoitan ter problemas cando piden cortar un tramo da N-550 para facer, por exemplo, a Cabalgata de Reyes, pois a Direccción Xeral de Tráfico non llo permite e, con todo, aquí cortan varios quilómetros sen nin sequera avisar.