Os alcaldes de Cotobade e Cerdedo serán recibidos na Deputación "cando toque" elaborar o informe preceptivo

Pontevedra
10 de marzo 2016

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela e o de Cerdedo, José Manuel Balseiros, solicitaron por rexistro senllas entrevistas coa presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, para abordar o proceso de fusión das súas concellos

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela e o de Cerdedo, José Manuel Balseiros
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela e o de Cerdedo, José Manuel Balseiros

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela e o de Cerdedo, José Manuel Balseiros, solicitaron por rexistro senllas entrevistas coa presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, para abordar o proceso de fusión das súas concellos.

A presidenta provincial xa lles respondeu asegurando que "non hai urxencia nesa entrevista" xa que "a día de hoxe" a administración provincial "non ten nada que facer" polo que indicou que para falar do tema da fusión "que xa pecharon entre eles" xa lles recibirá "cando toque" que será no momento no que a Deputación teña que elaborar o seu informe preceptivo sobre este proceso.

Carmela Silva lembrou a súa "sorpresa" cando se decatou pola prensa do anuncio da fusión "por tanto, durante meses ás agachadas, detrás da porta, con escurantismo foise fabricando esta fusión da que a Deputación non tivo absolutamente ningún coñecemento", unha circunstancia que entende como unha "falta de respecto institucional".

Por este motivo, reiterou a presidenta que "no momento no que marque a lexislación vixente" para a redacción do informe, será entón cando reciba aos alcaldes.

Os alcaldes de Cotobade e Cerdedo dixeron este xoves que "non podemos entender" como os membros de dous partidos políticos que defenden nos seus programas a fusión voluntaria de concellos "non atenden as peticións de dous alcaldes democráticos para explicar este proxecto".

Ademais mostraron o seu enfado co "gravísimo erro institucional" de César Mosquera por recibir á recentemente creada plataforma 'Non á fusión Cotobade-Cerdedo', converténdose nun "altavoz e portavoz" destes veciños, que o rexedor cerdedense identifico con "accións de grave radicalismo".

Ambos os rexedores mostraron outras solicitudes de entrevista, aínda que para tratar outros temas distintos, que non foron atendidas e esixiron que se lles reciba porque "porque representamos a todos os veciños" e pediron aos membros do goberno provincial que se absteñan de emitir xuízos "dun proceso que descoñecen".