Os alcaldes de Soutomaior, Agustín Reguera; A Lama, Jorge Canda; Cotobade, Jorge Cubela; Fornelos de Montes, Emiliano Lage e Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez; reuníronse este xoves neste último concello para estudar a posta en marcha dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (G.E.S.) que de cobertura a estes cinco municipios os 365 días do ano durante as 24 horas do día.
Nesta primeira reunión tratáronse varios aspectos relativos ao borrador do Convenio de Colaboración subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Deputación no que se prevé a posible creación dun GES con base en Ponte Caldelas.
A reunión centrouse no estudo de fórmulas de cofinanciación deste grupo
A reunión centrouse no estudo de fórmulas de cofinanciación deste grupo no que se refire aos gastos de funcionamento. Hai algúns outros aspectos que para os rexedores non quedan claros e que os alcaldes queren aclarar antes de tomar unha decisión definitiva.
En virtude deste convenio en principio a Xunta financia o 60 % do custo, a Deputación o 20 % e o outro 20 % correspondería aos Concellos.
De acordo co convenio as funcións dos GES serían intervir en incendios forestales e urbanos, realizar traballos forestais preventivos, manter a rede de estradas, intervir en situacións derivadas de riscos naturais e protección civil.
A coordinación técnica será cos servizos contra incendios, cos distritos forestais e coa central de atención a urxencias 112-Galicia. A coordinación ordinaria levarase por parte do Concello de Ponte Caldelas, tendo sempre presente o seu carácter supramunicipal. No caso de actuacións conxuntas de urxencias será levada a cabo polo xefe da unidade comarcal de bombeiros.