Os afectados polas preferentes visitarán a Rajoy durante as súas vacacións

Pontevedra
18 de xullo 2013

A Plataforma de Marín Pontevedra segue sumando novos afectados e aínda que baixarán o ritmo durante o verán marcan no seu calendario algunhas citas importantes como o Pleno monográfico sobre preferentes que celebrará a Deputación ou mesmo unha visita ao Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, cando acuda a pasar as súas vacacións ás Rías Baixas  

Protesta dos afectados das preferentes da Plataforma de Marín Pontevedra
Protesta dos afectados das preferentes da Plataforma de Marín Pontevedra / PontevedraViva

Equivócanse plenamente aqueles que pensan que o conflito das preferentes se rematara", afirma Daniel Rabuñal, voceiro da Plataforma de afectados de Marín Pontevedra que este xoves volveron á rúa a concentrarse ante as oficinas de NovaGalicia Banco.

Si é certo que durante os últimos días houbo un parón nas protestas e mobilizacións destes colectivos "porque cada un tiña que ver as súas cousas e había que tomar decisións importantes, con toda a información posible".

Esta 'impase' estivo marcada por unha idea: obter liquidez, esta foi a opción pola que se decantaron maioritariamente os afectados polas participacións preferentes de Novagalicia, exactamente 73.227 clientes.

Segundo datos ofrecidos pola institución financeira tras o proceso de troco por accións, a súa posterior revenda e as arbitraxes, un 97% deles optaron por recuperar a maior parte posible do efectivo que un día inverteron. A día de hoxe, segundo estas mesmas fontes oficiais, tan só un 3% mantéñense como accionistas.

"Cada un ten as súas circunstancias e se se necesita o diñeiro con urxencia, hai que acudir a el", sinala Rabuñal.

Unha das poucas satisfaccións que deixou este proceso aos afectados é que o pagamento non implica unha renuncia á vía xudicial, como formulara NovaGalicia nun prinicipio "iso non era legal, era outro abuso e o FROB rectificou".

De feito a maioría dos afectados anuncia a súa intención de acudir á vía xudicial "seguiremos o tempo que sexa, dous, tres, cinco anos, o tempo que faga falta a quen sexa, que non pensen que por vender agora o Banco se solucionou".

En canto á Plataforma de Marín Pontevedra segue sumando novos afectados e aínda que baixarán o ritmo durante o verán marcan no seu calendario algunhas citas importantes como o Pleno monográfico sobre preferentes que celebrará a Deputación ou mesmo unha visita ao Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, cando acuda a pasar as súas vacacións ás Rías Baixas.