Os afectados polas preferentes tomaron a palabra no Pleno da Corporación provincial para solicitar a axuda da Deputación en diferentes actuacións. Ao comezar a sesión plenaria, o presidente da institución, Rafael Louzán, concedeu a palabra a José Manuel Estévez, voceiro da Plataforma de Vigo-Val Miñor, quen explicou que a intención dos afectados é presentar unha "querella criminal" contra o Consello de Administración de Novagalicia Banco.
"Esta acción ten uns custos, porque hai presentala na Audiencia Nacional", polo que lle solicitaron á Deputación "que nos bote unha man no que precisemos e que asuma o custo do proceso polo menos nun terzo".
Finalmente reclamaron á Corporación provincial que se reúna co novo propietario de Novagalicia Banco, Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de Banesco.
Reclamaron á Corporación provincial que se reúna co novo propietario de Novagalicia Banco
Hai uns días, Escotet comprometeuse a "resolver" o problema dos afectados pola comercialización indebida de participacións preferentes e débeda subordinada de Novagalicia Banco "en no más de 90 días".
José Manuel Estévez dirixiuse á Corporación para dicirlles que "entendan que a nosa desconfianza e moi grande e ainda que ese señor mereza certa cancha pedímoslle que traballen conxuntamente con ese señor para chegar ao único acordo ao que se pode chegar, que nos devolvan o cen por cen dos nosos aforros".
Ademais recordou que este mesmo pleno da Deputación trasladou hai meses o seu apoio para pedir a retirada inmediata das sancións, non obstante despois de ano e medio na rúa "lonxe de retiralas línchannos a sancións" polo que esixiron que "traballen neste senso porque as multas son abusivas, non hai que ver só os feitos senón tamen a situación emocional na que se produce", afirmou este voceiro.
Sobre este aspecto, o presidente da Deputación manifestou que a institución que preside tratará de mediar para resolver o problema das sancións "no que atinxe á Deputación" co que se iniciou un longo debate sobre a natureza das sancións impostas. O voceiro da Plataforma do Baixo Miño, Xulio Vicente, sinalou as sancións aínda que foron impostas por outros organismos como concellos ou axentes da orde pública, foron tramitadas pola Deputación a través do órgano recadatorio da institución, o ORAL. Por este motivo demandaron á Deputación que se negue a cumprir con este trámite.
EMIGRANTES RETORNADOS
Xunto aos afectados polas preferentes ocupou o Salón de Plenos do Pazo provincial un grupo de emigrantes retornados galegos que protestaban polo "saqueo" ao que os somete o Ministerio de Facenda por obrigalos a tributar polas pensións non declaradas dende o 2008 tras os seus anos como cotizantes no estranxeiro máis o pagamento duns intereses e unha sanción.
Aseguraron estar "acendidos" ante a intención da Axencia Tributaria de reclamar ao longo do 2014 a outros 30.000, este colectivo demandou a Deputación que inste a Facenda a deixar de multar os xubilados, e a devolver o xa recadado este ano en Galicia, máis de 3,5 millóns dos 25.000 emigrantes.
Dende os grupos provinciais do BNG e PSdeG-PSOE animaron o Partido Popular a propoñer conxuntamente ao Goberno que cambie a lei para alcanzar a exención naqueles casos de pensións de retornados que non superen os 22.000 euros anuais.
Despois de dúas horas e media, os afectados anunciaron que dentro dun mes volverán á Deputación e animaron o presidente provincial a darlles antes unha resposta.