Unha trintena de afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas acudiron este mediodía ao edificio da Deputación de Pontevedra reclamando unha reunión co presidente, Rafael Louzán.
Estes afectados, pertencentes ás Plataformas de Marín-Pontevedra, O Salnés e Redondela, pretendían que Louzán lles explicase como lles afectan os novos criterios fixados pola comisión de seguimiento de participacións preferentes polos que os titulares destes produtos poderán acollerse á arbitraxe.
Segundo recordou a portavoz da Plataforma de Pontevedra, Rosana Prado, a partir de agora darase prioridade a quen investiu menos de 10.000 euros. A arbitraxe poderase aplicar tamén nos casos nos que se acredite unha mala comercialización da preferente, por exemplo se hai invertidores menores de idade, discapacitados, se non se lles facilitou a documentación adecuada sobre os contratos ou non recibiron información correcta do produto.
Begoña Estévez recibiu aos afectados, aínda que non soubo resolver estas dúbidas
Pero non foi o presidente Louzán, senón a deputada do Partido Popular, Begoña Estévez, quen recibiu aos afectados, aínda que non soubo resolver estas dúbidas.
Rosana Prado trasladoulle a preocupación dos afectados pola falta de claridade neste proceso, "estes novos criterios a nós podennos perxudicar xa que tamén se considerará o peso que o investimento ten non patrimonio total do afectado e a experiencia previa en materia de investimento", sinalou Rosana.
En NCG Banco, estes clientes afectados sufrirán unha quita do 43 % en participacións preferentes, do 41 % en débeda subordinada perpetua e do 22 % en débeda subordinada con data de vencemento.
Á unha e media da tarde estes afectados abandonaron a sede da Deputación.