Os afectados pola variante de Alba reúnen sinaturas contra o trazado previsto

Pontevedra
03 de agosto 2019

Polo momento conseguiron medio milleiro aínda que admiten as dificultades que están a atopar para sumar máis apoios. Dentro dos propios afectados hai quen propón máis contundencia nas súas reclamacións ante a Xunta estendendo a presión ao Partido Popular, unha medida na que non todos están de acordo

Protesta dos afectados pola Variante de Alba
Protesta dos afectados pola Variante de Alba / PontevedraViva

O colectivo de afectados pola variante de Alba trata de reunir o maior número de sinaturas posibles na súa alegación contra o trazado previsto pola Xunta para construír esta infraestrutura que unirá as estradas de Vilagarcía (PO-531) e Santiago (N-550).

Polo momento conseguiron medio milleiro aínda que admiten as dificultades que están a atopar para sumar máis apoios. Dentro dos propios afectados hai quen propón máis contundencia nas súas reclamacións ante a Xunta estendendo a presión ao Partido Popular, unha medida na que non todos están de acordo.

Así, días atrás colgaron dun dos viadutos da estrada de Vilagarcíaao seu paso por Campañó unha pancarta de gran tamaño na que acusaban ao PP de telos "enganado" pero foi retirada pouco tempo despois e substituída por outra que unicamente di "Vial non".

Este venres un grupo de afectados volveu manifestarse pola estrada PO-531 o que obrigou a cortar temporalmente ao tráfico o carril en dirección a Pontevedra.

A futura variante de Alba terá unha lonxitude aproximada dun quilómetro e un orzamento que se eleva ata os oito millóns de euros por culpa do viaduto de 265 metros de longo e máis de 17 de altura co que salva a autoestrada AP-9, o Eixo Atlántico ferroviario e o río Granda.

 

Arquivado en