Os afectados inician unha folga de fame en Sanxenxo e abandónana á mañá seguinte

Sanxenxo
26 de marzo 2013

Despois de suspenderse o Pleno deste luns, un grupo de prexudicados permaneceu encerrados sen poder entrar nin saír do Concello. O relevo puido entrar preto das 23.00 horas e un grupo de 20 persoas iniciaron esta nova protesta indefinida. Afectados de toda Galicia acudirán ao municipio este martes

A punto de cumplir tres meses de encerro no Salón de Plenos do Concello de Sanxenxo e despois de que a alcaldesa, Catalina González, suspendera a sesión plenaria deste luns, na madrugada de luns a martes un grupo de 20 afectados polas preferentes do Salnés comezou unha folga de fame indefinida. A primeira hora da mañá, e logo de ser desaloxados do Concello pola Policía Local, decidieron abandonala.

O voceiro da plataforma de afectados do Salnés, José Manuel Vázquez, confirmou o inicio da folga de fame e denunciou que despois de que se suspendera o Pleno e a alcaldesa saira escoltada pola Garda Civil e a Policía Local impediu aos afectados sair e entrar do Concello no que levan encerrados tres meses. Ata preto das 23.00 horas non puideron entrar os que ían dar o relevo nocturno e nese momento foi cando se decidiu iniciar a folga de fame.

Grupos de prexudicados de toda Galicia anunciaron que unha representación das distintas plataformas acudirá este martes, ás 19.00 horas, ao Concello de Sanxenxo en solidariedade con este movimento. 

Asimesmo, a plataforma de afectados de Lugo emitiu de madrugada un comunicado no que denuncia que "a alcaldesa do PP impediu que a maioría dos afectados asistiran ao pleno, e logo de suspendelo e marchar cun amplo despregue policial ordenou que fecharan o concello con 20 membros da Plataforma no seu interior".

Os afectados de Lugo manifestan o seu total apoio ás persoas encerradas e comunica que unha delegación da súa plataforma se vai desprazar este martes a Sanxenxo "para solidarizarse con esta postura e esixir a Alcaldesa do PP que abra as portas do Concello de par en par para que poidan entrar e saír del os cidadáns que o consideren, pois é a Casa do Pobo, e ela non é máis que unha mera xestora que esta de prestado naquel lugar e, a xulgar pola súa aptitude, sen lexitimidade algunha para ocupar semellante responsabilidade".

Na mesma liña esixen ao presidente da Xunta de Galicia e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que "faga respectar e valer os dereitos das persoas estafadas por NGB e agora roubadas polo Goberno do PP en Madrid, para que recuperen a totalidade dos seus aforros de inmediato e a tranquilidade e xustiza que lles arrebatou a avaricia dos banqueiros e a incompetencia e traizón dos nosos gobernantes no Estado e na Xunta de Galicia".