Os afectados do Revel cobran as cantidades fixadas polo tribunal de expropiación

Sanxenxo
15 de novembro 2016

O goberno local, que destinou a este fin unha partida de 126.000 euros, rexistrará agora todas as leiras a nome da administración local 

A maioría dos propietarios das parcelas expropiadas para a construción do futuro colexio do Revel, en Vilalonga, recibiron este martes os talóns bancarios correspondentes ao pago de acordo co prezo fixado polo Tribunal de Expropiación para as súas parcelas.

Os propietarios acreditaron correctamente a súa identidade polo que o acto realizouse sen ningún contratempo e con celeridade, polo que o Concello só tivo que consignar as cantidades correspondentes a tres leiras, dúas delas de titularidade dubidosa.

O Concello destinou a este fin un total de 126.000 euros, que xa fosen consignados no orzamento municipal para este exercicio 2016 en previsión de que o Tribunal de Expropiación do Revel recoñecese a reclamación cursada no seu momento polos propietarios. 

Antes de poñer os terreos a disposición da Xunta, será necesaria tamén a aprobación definitiva do Proxecto de Urbanización do ámbito do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións da zona E69B do PXOM de Sanxenxo, outro trámite que en breve será afrontado.