Antón Sánchez, deputado do Parlamento galego por AGE e responsable nacional de Coordinación de Anova e Valentín García Bóveda, membro da Plataforma Non á Fusión Cerdedo-Cotobade e presidente da Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido de Terra de Montes presentaron este xoves en rolda de prensa un ditame xurídico como alegación a dita fusión, no rexistro da Deputación de Pontevedra.
Ademáis denunciaron tamén perante a Valedora do Pobo o incumprimento da Lei de Transparencia por parte do Concello de Cerdedo ao non ter incluído na súa web o expediente da fusión.
O ditame feito por Ernesto Vázquez-Rey Farto, xurista e membro, entre outras, da Fundación Malvar e Fundación Alexandre Bóveda, incide neste aspecto ademais doutras consideracións legais.
Así, as súas conclusións o ditame sinala que a fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade "non está xustificada, nin do punto de vista da información e documentación preceptiva achegada ao expediente".
Por enriba de todo, insistiron que a unión destes concellos non se xustifica pola organización territoral "baixo un prisma histórico, comarcal e de funcionalidade", xa que ademáis concorre o feito de que ambos concellos participan no Consorcio Conca do Lérez, "proba eficaz", segundo dixeron, de que a solución aos problemas de prestación de servizos para a racionalización do gasto público "é a comarcalización dos propios servizos e non a fusión das corporacións".
Incidiron en que este último feito non é tratado no informe xustificativo da concorrencia das motivacións necesarias para levar a cabo a fusión dos municipios de Cerdedo e Cotobade. Como tampouco o é que o propio Concello de Cotobade sexa unha entidade membro da Mancomunidade Terras de Pontevedra.
Por estes, e outros tantos motivos, sosteñen que o procedemento para a fusión non cumpre a totalidade dos requisitos previstos na lexislación básica de réxime local e na lexislación de administración local de Galicia, como así recolle o Informe citado do Secretario municipal do Concello de Cotobade.
Finalmente afirman que "non consta acreditado, nin sequera propositivamente, como quedarán os servizos básicos que veñen sendo prestados nos Concellos que se pretenden fusionar".
O BNG PREPARA AS ALEGACIÓNS
O portavoz do BNG en Cotobade, Anxo Santomé, acompañado pola responsable comarcal do partido nacionalista, Eva Villaverde, e de diferente representantes en distintos concellos da contorna mantiveron un encontro este xoves 28 en Pontevedra e apuntaron que están a preparar as alegacións a esta fusión para presentalas nos vindeiros días.
Denuncian que existe un informe de Tesourería, que non se inclúe no acordo, que sitúa o déficit público en 310.000 euros e apuntan a que será necesario xestionar 187 lugares con practicamente o mesmo orzamento co que se está manexando Cotobade na actualidade. Ademais acusan os alcaldes do Partido Popular de ambos os concellos de mentir porque sinalan que non será posible, por lei, crear dous Xulgados de Paz para o mesmo municipio. Só existirá un situado na capital, apuntou Santomé.
O portavoz nacionalista insistiu en que esta fusión só responde os intereses dos alcaldes e do Partido Popular. Neste sentido, Eva Villaverde manifestou que este proceso non se atopa xustificado nin en relación ao número de habitantes nin á mellora de servizos. "A amizade dous alcaldes é ou único que promove esta fusión", concluíu a responsable comarcal do BNG.
RESPOSTA DO ALCALDE
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela (PP) lamentou que "partidos sen presenza, representatividade e coñecemento da zona critiquen a fusión por electoralismo".
O rexedor acusou a Antón Sánchez e Valentín García-Bóveda de "mentir" sobre a xustificación da unión, que "está avalada por varios informes técnicos" e replicou ao BNG, ante as súas queixas polo financiamento dos concellos, que a fusión "faise sobre todo porque mellorará os ingresos locais".