"Os adolescentes teñen curiosidade e sensibilidade. Interésalles falar da memoria"

Pontevedra
01 de maio 2022

Cunha visita pola illa de San Simón, guiada por Matías Rodríguez da Torre, docente e especialista en memoria histórica, rematou a segunda xornada da iniciativa "A (des)memoria nas aulas", na que se compartiron experiencias inspiradoras e de éxito co alumnado dos institutos

Xornada 'A (des)memoria nas aulas'
Xornada 'A (des)memoria nas aulas' / Deputación de Pontevedra

Cunha visita pola illa de San Simón, guiada por Matías Rodríguez da Torre, docente e especialista en memoria histórica, rematou a segunda xornada da iniciativa "A (des)memoria nas aulas", na que se compartiron experiencias inspiradoras e de éxito co alumnado dos institutos.

Unha destas experiencia foi á da escritora Susana Sánchez Aríns, docente do CPI Don Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, que asegurou que os adolescentes "teñen curiosidade e sensibilidade" e engadiu que "si que lles interesa falar da memoria e saber do pasado".

A guerra civil, a represión, a ditadura e os anos da fame son temas "que lles interesan totalmente", subliñou Sánchez Aríns, que animou ao profesorado a incluír a memoria no temario das súas aulas como fixo con moi bo resultado en Cuntis.

Foi a través dun proxecto de investigación co alumnado de 4º da ESO para abordar o impacto do golpe do 36 na vida local e familiar. O traballo incluíu documentais e visitas ao centro de maiores de Cuntis onde descendentes de represaliados narraron as súas vivencias da represión.

"As rapazas e rapaces déronse conta da cercanía, de que pasaran cousas preto da súa casa ou que tiñan situacións na súa propia casa", explicou a escritora, o que espertou neles o interese en buscar máis información sobre esta época e a súa familia.

Ademais da experiencia concreta de Aríns en Cuntis, tamén houbo lugar nas xornadas "A (des)memoria nas aulas" para falar de proxectos de éxito e experiencias inspiradoras que se están a desenvolver noutras localidades do país como Pontevedra, Redondela e Boiro.

Así, Anxos Rial Vidal e Conchi Díaz Candán, docentes de lingua e literatura galega do IES Sánchez Cantón de Pontevedra falaron do proxecto "Na súa memoria, na nosa memoria", realizado co alumnado de 4º da ESO para investigar sobre a memoria das mulleres da cidade,

Tamén da vila do Lérez, a profesora de historia do IES Frei Martín Sarmiento Cristina González Pérez relatou a súa motivación persoal e académica para desenvolver proxectos arredor da memoria co seu alumnado e a súa experiencia con traballos sobre a emigración e o exilio.

RECURSOS PARA TRABALLAR A MEMORIA HISTÓRICA

Pilar Sampedro, mestra e especialista en literatura infantil e xuvenil, destacou a diversos autores e obras desde os que tratar a memoria nas aulas, entre eles Agustín Fernández Paz, An Alfaya, Fina Casalderrey, Eva Mejuto, Margocha Amorro, Manolo Rivas ou Pepe Caccamo. 

Sampedro sinalou que é fundamental aproveitar esta literatura para falar de memoria porque é un recurso que ten resultados como a chuvia miúda que "chove maino pero molla", xa que é máis efectivo entrar na memoria con "personaxes máis que cos conceptos".

Pola súa banda, María Xesús López Escudeiro, docente retirada e investigadora que formou parte de proxectos como "A memoria das mulleres" en Pontevedra, fixo un percorrido por diversos proxectos audiovisuais, documentais e de ficción, para ofrecer ao profesorado recursos na rede para poder traballar a memoria.