O Teatro Principal acolleu este luns, por cuarto ano consecutivo e ao abeiro do programa A memoria das mulleres, unha homenaxe ás vítimas da represión franquista. Nesta ocasión, a protagonista do acto foi a 'Pontevedra boa e xenerosa' que durante o alzamento militar do ano 1936 e durante o franquismo deron mostra de comportamentos solidarios.
O acto, dirixido pola xornalista de Onda Cero Susana Pedreira, contou coa participación dos homenaxeados e os seus familiares e do alcalde e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Miguel Anxo Fernández Lores e Luís Bará.
O rexedor capitalino resumiu o espírito do acto como o desexo de que fiquen e non se esquezan "os acenos valentes de quen perdeu todo –os soños, a vida, a facenda, o sorriso- mais nunca perdeu a dignidade-". "Forman parte da mellor historia de Pontevedra e van ficar con nós para sempre", engadiu.
Amenizado pola música de 'Os de Algures' e o trío de Lucía César Veloso (voz e pandeireta), Álvaro Cardalda (acordeón) e Manolo Dopico (guitarra), o acto fixo un repaso polas accións de persoas como as mulleres que prestaron axuda aos presos de Figueirido e as que se fixeron 'madriñas' dos presos de San Simón para lavarlles a roupa e ofrecerlles comida.
A actuación do médico de Xeve, José Costas Lorenzo; as redes que se teceron entre as mulleres encarceradas na 'Normal' de Pontevedra; o xesto dunha rapaza anónima que sinalou cunha pedra a foxa onde os asasinos de Edelmiro Dios o meteran ás agachadas; as accións de Josefina Arruti e a súa sogra, Emilia Osorio, que abriron o panteón familiar para dar acubillo aos restos mortais de ducias de homes; ou a aportación do construtor Ángel Arosa, que fixo de balde unhas obras no taller de bordado de Rita Sobrido, viúva do mestre Germán Adrio. Son outros dos xestos que recibiron homenaxe este luns.
Lores considera que os traballos de recoñecemento, reparación e gratitude que se realicen nunca serán suficiente para compensar tanta dor daqueles anos do medo, mais ve "absolutamente necesario" organizar este tipo de homenaxes "para facer xustiza e coñecer a verdade que o franquismo e a súa herdanza quixo arrebatarnos".
Desde A memoria das Mulleres decidiuse este ano recoñecer a solidariedade de moitos pontevedreses porque no medio do terror, no tempo dos xenocidas "houbo xente de ben que axudou a calmar a dor, o medo, a fame e o desconsolo" e resulta de xustiza que se renda tributo a esa Pontevedra que combateu o fascismo "tecendo redes de apoio, creando refuxios para a xente perseguida, levando roupa e alento aos cárceres, protexendo da orfandade as crianzas".
"Sen memoria non somos nada. Precisámola como alimento, como sustento, como o aire para respirar" e, sobre todo, "necesitamos a memoria da xente boa e xenerosa para ser mellores como persoas e como colectividade", sinalou Lores.